Para a prevención e defensa contra os incendios forestais

Catro novos puntos de auga na provincia de Ourense

As actuacións, rematadas a finais de 2023, leváronse a cabo nos distritos forestais XI (O Ribeiro-Arnoia), en Avión e San Cristovo de Cea; XII (Miño-Arnoia), en Nogueira de Ramuín; e XIV (Verín-Viana), en Verín.
O obxectivo destas obras, rematadas a finais de 2023, foi dotar a estes distritos dos mencionados catro novos novos puntos de auga que permitan a carga de helicópteros e motobombas durante a extinción de lumes, diminuíndo así, na medida do posible, os tempos de desprazamento dos equipos e mellorando a eficacia do traballo destes medios.

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, ven de rematar nos últimos meses asobras para a construción de catro puntos de auga na provincia de Ourense para mellorar as infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios, cun orzamento total de 290.420 euros.

Concretamente, as actuacións leváronse a cabo nos distritos forestais XI (O Ribeiro-Arnoia), en Avión e San Cristovo de Cea; XII (Miño-Arnoia), en Nogueira de Ramuín; e XIV (Verín-Viana), en Verín.

O obxectivo destas obras, rematadas a finais de 2023, foi dotar a estes distritos dos mencionados catro novos novos puntos de auga que permitan a carga de helicópteros e motobombas durante a extinción de lumes, diminuíndo así, na medida do posible, os tempos de desprazamento dos equipos e mellorando a eficacia do traballo destes medios.

Estas infraestruturas contan con características diferentes, dependendo da localización de cada unha deles. En concreto, sitúanse no monte comunal de Couso, en Avión; no polígono industrial de San Cristovo de Cea, en Virxo do Monte, en Nogueira de Ramuín; e no monte comunal de Queirugás, en Verín.

MELLORA DA REDE DE PUNTOS DE AUGA

A provincia de Ourense conta con máis de 1.500 puntos de auga repartidos por todo o seu territorio, dos case 6.000 que hai en Galicia. No pasado ano, ademais da construción destes catro puntos de auga, creáronse outros tres e melloráronse 1.014 dos xa existentes.

 A Xunta continuará traballando na optimización desta ferramenta especialmente útil para a prevención e defensa contra os incendios forestais. Por iso, nestes momentos estanse a construír tres novos puntos de auga nos concellos de Maceda e Xunqueira de Ambía (Distrito Forestal XII) e na Mezquita (Distrito Forestal XIV). E a maiores de novas construcións que se desenvolvan no 2024, ao longo deste ano está previsto seguir coas actuacións de mellora nos puntos xa existentes no territorio.

Unha boa rede de puntos de carga de auga é fundamental para a maior eficacia e eficiencia dos medios terrestres como as motobombas, pero tamén para a actuación dos medios aéreos. Canto máis próximo ao lugar do incendio estea o punto de carga, os tempos de desprazamento diminúen, e deste xeito aumenta a dispoñibilidade de auga no incendio.

Neste sentido, a correcta xestión da auga nun incendio é un parámetro fundamental, motivo polo cal que non se escatiman recursos na mellora e mantemento continuo da rede de puntos de auga.