Catas de augardentes e licores combinadas con pezas musicais
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, clausurou este mediodía a presentación do ciclo “Orujo de Galicia, los 5 elementos” que promove o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais para poñer de relevo a calidade destes destilados combinando catas con pezas musicais.
O responsable da Agacal puxo en valor esta iniciativa, que se levará a cabo entre o 17 de xullo e o 20 de agosto nas cidades da Coruña e Santiago, na localidade pontevedresa do Grove, na ourensá de Leiro e na lucense de Chantada. Así, cada unha das sesións tomará como fío condutor un dos cinco elementos e levaranse a cabo catas comentadas complementadas con composicións musicais inspiradas nestes destilados.
Na súa exposición, Manuel Rodríguez non só destacou a calidade e o selo distintivo que ostentan estes produtos, senón tamén o seu estreito vínculo co territorio. Deste xeito, destacou a oportunidade que brindará este ciclo para dar a coñecer as características que diferencian as augardentes e licores galegos con indicativo de orixe.