Carlos Diéguez: “Na actualidade estanse a desenvolver novas terapias que teñen como branco o hipotálamo”

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso de Carlos Diéguez González (San Xoán de Río - Ourense, 1955), catedrático de Fisioloxía da Universidade de Santiago, como académico numerario da institución. O investigador pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “Máis aló do hipotálamo: unha viaxe compartida”, que foi contestado en nome da RAGC polo académico Manuel Freire Rama.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso de Carlos Diéguez González (San Xoán de Río - Ourense, 1955), catedrático de Fisioloxía da Universidade de Santiago, como académico numerario da institución. O investigador pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “Máis aló do hipotálamo: unha viaxe compartida”, que foi contestado en nome da RAGC polo académico Manuel Freire Rama.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos, así como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya; o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.

Referente nacional e internacional no campo da endocrinoloxía

O presidente deulle a benvida ao novo académico, ao que se referiu como “un referente nacional e internacional no campo da endocrinoloxía”. Juan Lema puxo de relevo ademais o feito de que o profesor Diéguez “contribuíu dun xeito extraordinario á dinamización da ciencia en Galicia nos seus máis de dez anos como director científico do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas -CiMUS- da Universidade de Santiago”. Salientou que na actualidade é “un membro destacado do sistema español de ciencia e tecnoloxía”.

Carlos Diéguez: “os estudos centrados no hipotálamo achegan esperanza aos centos de millóns de pacientes que sofren obesidade”

No seu discurso Carlos Diéguez referiuse ao complexo mundo da sinalización hormonal, especialmente orientada a describir o papel desempeñado por un dos compoñentes esenciais na actividade do sistema nervioso central como é o hipotálamo. É complexo pola gran variedade de sinais que poden confluír neste proceso, pero o coñecemento dos seus mecanismos é moi relevante de cara a lograr fármacos fronte a diversas patoloxías.

“Nas últimas décadas asistimos a un crecemento exponencial dos nosos coñecementos sobre o hipotálamo, grazas ao labor dun gran número de investigadores de centros de investigación e universidades de todo o mundo. Algúns destes coñecementos foron achegados por traballos levados a cabo na Universidade de Santiago, destacando os estudos sobre o control neuroendocrino da secreción hormonal hipofisaria, especialmente no referente á hormona de crecemento” -salientou-.

O novo académico destacou a importancia da investigación básica levada a cabo ao longo dos anos centrada no hipotálamo, que, segundo indicou, “xerou un salto xigantesco no noso coñecemento dos mecanismos homeostáticos relacionados coa regulación dos procesos biolóxicos máis relevantes. Aínda que durante moitos anos considerouse pouco atractivo o desenvolvemento de novas terapias que tivesen como branco o hipotálamo, esta visión está a cambiar de xeito moi veloz”.

Segundo apuntou o catedrático, “os estudos levados a cabo por moitos laboratorios no campo da homeostase enerxética e metabólica estanse a traducir en novas terapias que achegan esperanza aos centos de millóns de pacientes que sofren obesidade. Esta patoloxía considérase a responsable da morte duns tres millóns de persoas ao ano e ata moi pouco non había terapias farmacolóxicas para combatela. Afortunadamente, xa temos algunhas bastante eficaces na clínica e no eido da cirurxía gástrica chegarán proximamente. E a característica común de todas elas é que actúan no hipotálamo”.

Manuel Freire, académico: “Destacan os seus achados sobre a hormona de crecemento e a obesidade”

O académico Manuel Freire Rama, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC, respondeu á disertación do novo membro da RAGC, destacando “o seu labor investigador nunha disciplina onde é indispensable o dominio dunha gran variedade de campos como a xenética, a bioquímica, a bioloxía celular, a microbioloxía e a fisioloxía”.

Freire lembrou que, despois da súa licenciatura en Medicina pola USC, Carlos Diéguez incorporouse en 1981 ao laboratorio do profesor Maurice Scanlon en Cardiff, un dos máis afamados de Europa naquela época, onde pasou máis de seis anos doutorándose e formándose na investigación en neuroendocrinoloxía. A experiencia acadada facilitoulle a creación dun grupo propio de investigación na facultade de Medicina da Universidade de Santiago, do que saíron publicacións pioneiras, resultado das investigacións sobre a bioloxía do hipotálamo e relativas á regulación dos roteiros endocrinos implicados na sinalización para controlar a temperatura corporal, a reprodución, a resposta ao estrés, o crecemento e a lactancia. Destacou moi especialmente os seus seus achados sobre a hormona de crecemento e a obesidade.

 

Salientou así mesmo que “o labor investigador de Carlos Diéguez está recompilada en máis de 580 publicacións, recollidas nas máis importantes revistas internacionais como Nature ou Lancet. É coautor de cinco patentes e un dos científicos máis citados en todo o mundo nas áreas da Bioquímica e Bioloxía”.