Calendario escolar segundo a proposta presentada pola Consellería de Educación
O alumnado de Educación Infantil terá maior flexibilidade para incorporarse aos centros educativos ao comezo do vindeiro curso escolar. Así o acordou a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional hoxe coas organizacións sindicais na mesa sectorial desenvolvida para abordar o calendario escolar do curso 2020/21.
Así, a cativada que comece segundo ciclo de Educación Infantil disporá de máis días de adaptación, coa prolongación do período ata finais de setembro, cando estaba inicialmente previsto para dez días a partir do 10. De xeito excepcional, esta medida poderá aplicárselle tamén ao demais alumnado da etapa que o precise. Trátase así de facilitarlles a volta ás aulas aos máis pequenos, despois de seis meses distanciados da contorna escolar por mor da suspensión das clases presenciais o pasado marzo.
Na xuntanza desta mañá aprobouse o calendario escolar segundo a proposta presentada pola Consellería de Educación. Para o alumnado matriculado en 2º ciclo de infantil, en primaria e en educación especial as clases comezarán o 10 de setembro de 2020 e rematarán o 22 de xuño de 2021; mentres que para os matriculados en ESO, Bacharelato, e Formación Profesional o inicio de curso será o 16 de setembro e se prolongará ata o 22 de xuño de 2021.
Nas ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas realizaranse entre os días 16 de setembro de 2020 e 30 de xuño de 2021, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas. Neste caso, a Consellería comprometeuse a permitir a flexibilización do comezo de curso mediante unhas instrucións específicas.
Así mesmo establécense como períodos de vacacións Nadal (desde o 23 de decembro de 2020 ata o 7 de xaneiro de 2021, ambos inclusive); Entroido (os días 15, 16 e 17 de febreiro de 2021) e Semana Santa (desde o 27 de marzo ata o 5 de abril de 2021). Tampouco serán días lectivos os declarados festas de ámbito estatal e os festivos oficiais da Comunidade Autónoma, así como o Día do Ensino, que se celebrará o 7 de decembro de 2020.
Canto ao funcionamento dos comedores escolares dos centros públicos, en Educación Primaria funcionarán desde o 10 de setembro de 2020 ata o 22 de xuño de 2021; e en ESO desde o 16 de setembro de 2020 ata o 22 de xuño de 2021.