Bruxelas amaga con prohibir a pesca de fondo en augas comunitarias
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, lamentou hoxe os últimos pasos dados por Bruxelas en relación coa pesca de fondo en augas comunitarias e advertiu de que sería un moi mal precedente que avanzase de xeito unilateral na súa prohibición. Fíxoo durante a sinatura do Manifesto en defensa da pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas, no que Galicia pide á Comisión Europea que defenda estas actividades daqueles que queren atacalas con intereses pouco transparentes.
O documento lamenta que a política medioambiental estea a impoñerse á pesqueira e pon como exemplo a limitación á pesca de fondo en augas europeas. Neste sentido, a representante do Executivo galego censurou que Bruxelas pretenda adoptar unha decisión tan drástica en base a datos que semellan parciais e desactualizados.
Por iso, a titular de Mar mostrou a súa confianza en que o Executivo comunitario rectifique e inicie unha consulta seria e rigorosa entre todas as partes implicadas antes de adoptar unha decisión. Neste sentido, lembrou que a votación realizada no seo da UE non contou con maioría cualificada e que se descoñecen os ditames biolóxicos e socioeconómicos nos que baseou a súa proposta.
Rosa Quintana subliñou que Galicia está a analizar as repercusións xurídicas que tería a medida e as actuacións que se poden realizar na defensa dos intereses da frota galega. A prohibición da pesca de fondo en preto dun cento de zonas en augas comunitarias suporía un gran prexuízo para as frotas de Gran Sol e de litoral, poñendo en risco centos de postos de traballo.
Por este tipo de cuestións, o manifesto de apoio ao sector pesqueiro aposta por unha revisión da Política Pesqueira Común (PPC) na que Bruxelas teña en conta que a pesca e a acuicultura supoñen unha fonte fundamental de alimento de recoñecido valor nutritivo e que teñen unha baixa pegada de carbono, polo que son actividades chave na seguridade alimentaria europea e mundial no contexto do cambio climático.
Ante esta situación, o documento sinala a transcendencia de avaliar se as actuais carencias da PPC son debidas á falta de aplicación ou á necesidade de mellorar o seu deseño e os seus instrumentos facendo fronte a importantes retos como a remuda xeracional no sector, o brexit ou o cambio climático. Precisamente, neste último punto, os asinantes consideran o sector do mar parte da solución -e non o problema- polo que apostan por avanzar por ese camiño.
PROCESO
O manifesto asinado hoxe foi subscrito por distintas entidades da cadea mar-industria de Galicia e nos próximos días remitirase ao resto de comunidades e rexións pesqueiras europeas coa finalidade de que se sumen a el e poder conformar unha fronte común forte na defensa do sector. A maiores, a Xunta remitirá o manifesto aos deputados galegos do Parlamento Europeo para que coñezan o seu contido e o teñan en conta á hora de definir o seu voto nas decisións de calado referentes ao eido do mar que debe aprobar a Eurocámara.
Entre as entidades asinantes ou que subscribiron o documento están a federación nacional, a galega e as tres federacións provinciais de confrarías de pescadores de Galicia, Anfaco-Cecopesca, Conxemar, Apromar, o Clúster da Acuicultura de Galicia, Opmega, Amegrove, FARN, Anmupesca, a Lonxa da Coruña, CCOO-Galicia, UGT-Galicia, ARVI -incluídas distintas asociacións que a integran-, a Sociedade Cooperativa Santa Uxía de Ribeira, a OPP7 de Burela, ABSA, Acerga, Pescagalicia-Arpega-O Barco, a OPP13 da Coruña, Opromar, Arpesco, Orpagu, Porto de Celeiro e a asociación Cerqueiros Galegos.