Bono de alugueiro mozo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda respondeu no Pleno do Parlamento as preguntas dos grupos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reclamou esta mañá ao Goberno central axilidade na transferencia dos fondos que se consignan ao Bono de alugueiro mozo, de xeito que a Xunta de Galicia poida facer pública a correspondente convocatoria e facilitar as axudas aos beneficiarios.

A conselleira de Medio Ambiente —que esta mañá respondeu no Pleno do Parlamento as preguntas dos grupos— explicou que “é tan importante saber cal é a cifra da que se disporá, como contar cos devanditos recursos nas arcas autonómicas”; sobre todo tendo en conta que serán as comunidades autónomas as que terán que ordenar, instruír, tramitar, resolver e aboar esta liña de incentivos.

Ademais, engadiu que esta non é unha cuestión menor, tendo en conta que é unha obriga administrativa dar unha resposta áxil, transparente e concreta a aqueles cidadáns que necesitan acceder a un fogar.

Ángeles Vázquez lembrou que o Bono de alugueiro mozo é un programa estatal, anunciado a comezos de outubro do 2021, aprobado en xaneiro no Consello de Ministros, para o que non se celebrou unha Conferencia Sectorial ata febreiro, “e que aínda se abordará por primeira vez mañá nunha reunión multilateral cos directores xerais, o que marcará o inicio da tramitación desta medida”. “Achegámonos ao mes de marzo, cinco meses despois do primeiro anuncio, e os fondos aínda non foron transferidos”, dixo.

A Xunta quere dar respostas aos mozos que queren acollerse a este programa, pero lamentablemente non pode ofrecérllelas; porque aínda agora toca empezar a negociar co Goberno central como será o procedemento para solicitar as axudas, a pesar das solicitudes e requirimentos trasladados polas comunidades autónomas.

Nese sentido, a conselleira demandou a creación dunha plataforma de xestión única, a nivel estatal, para este programa concreto, co fin de que se garanta e manteña o dereito de acceso á axuda ao mozo beneficiario que, por circunstancias laborais —por exemplo—, se teña que desprazar a outro municipio ou cidade.

Así mesmo, reiterou que en Galicia o número de posibles beneficiarios, segundo o tramo de ingresos, ascende a 280.000 mozos; pero só 4.000 persoas menores de 35 anos poderán optar a estes incentivos, é dicir, 14 de cada 1.000 posibles beneficiarios.

A conselleira tamén advertiu que a alta demanda que probablemente se producirá no momento no que o IGVS poda abrir a convocatoria “bloqueará o acceso ás persoas que máis axuda precisan das administracións para acceder ao seu primeiro fogar”, a favor daquelas que cumprindo os requisitos tramiten antes a súa solicitude, dado que o programa é de concorrencia non competitiva.

CRITERIOS

A conselleira de Medio Ambiente lamentou que esta incerteza que planea sobre o programa de alugueiro non se limita ao Bono alugueiro mozo, senón que se estende a parte dos programas e liñas de actuación que contan con fondos europeos.

Ángeles Vázquez avanzou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana remitiu recentemente escritos con novos cambios nas bases —de diversa natureza— que condicionan a publicación de varias das convocatorias; polo que solicitou ao Goberno central que aclare de xeito definitivo as condicións e evite as modificacións continuadas que bloquean as xestións que deben asumir as comunidades para convocar as axudas.

Por último, Vázquez destacou que estes atrancos nos fondos Next Generation e no Plan estatal de Vivenda 2022-2025 non son os únicos aos que se enfrontan as comunidades autónomas, tamén interfire nas competencias autonómicas coa futura Lei de vivenda estatal, tal e como xa veñen de poñer de manifesto o Consello Xeral do Poder Xudicial e a Comisión Galega da Competencia.