Balneoterapia fronte as doenzas crónicas
A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia participa por primeira vez no IV Ciclo da Universidade de Santiago, destinado a atender as necesidades de formación permanente das persoas maiores. Faino a través dun curso centrado nas principais indicacións actuais da balneoterapia, para o que se conta coa presenza de directores médicos de centros termais da nosa comunidade. As sesións celébranse na facultade de Medicina da USC.
Na apertura deste curso, que tivo lugar esta mañá, interveu o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal, quen afondou na hidroloxía médica e a balneoterapia, explicando os diferentes tipos de augas mineromedicinais que existen en Galicia e as súas principais indicacións terapéuticas. O doutor salientou que “a hidroloxía médica está considerada desde hai case catrocentos anos como unha práctica terapéutica necesaria e esencial”.
Dr. Juan Gestal: “A balneoterapia evita os efectos secundarios de moitos dos fármacos máis empregados nas doenzas crónicas”
O doutor manifesta que “na actualidade, os cambios socio-demográficos e as novas necesidades sanitarias da poboación, xunto cos avances na investigación clínica e básica en hidroloxía médica, están a incrementar o interese pola medicina termal, resaltando os seus efectos preventivos e terapéuticos complementarios á medicina”. Nesta liña, o doutor pon de relevo que “a balneoterapia evita os efectos secundarios de moitos dos fármacos máis empregados nas doenzas crónicas”.
Mañá martes estará o director do balneario Caldelas de Tui, o doutor Elías Festa. Achegarase aos beneficios da balneoterapia en relación ás enfermidades respiratorias. O xoves día 12, o doutor Antonio Freire, director médico do balneario Iberik Augas Santas (Pantón), abordará o valor das augas mineromedicinais para facer fronte ás doenzas reumáticas.
Para rematar o curso, o venres 13, a doutora Laura Gómez, directora médica do Balneario de Mondariz, tratará a reeducación funcional dos pacientes nun balneario, que se presenta como un medio moi valioso como terapia coadxuvante na prevención e recuperación funcional de alteracións do aparato locomotor, doenzas de tipo reumático, postraumático ou mesmo neurolóxicas.