Balnearios a bo prezo para 637 maiores de 60 anos

 “Benestar en Balnearios”, unha iniciativa de promoción do envellecemento activo e o impulso de terapias non farmacolóxicas, no marco do mesmo ofértanse un total de 637 prazas para estadías e tratamentos en centros termais de toda a comunidade. Haberá diferentes quendas, desde o 1 de novembro ao 17 de decembro. As solicitudes poderán presentarse ata o 24 de outubro.

A Consellería de Política Social e Xuventude ten en marcha unha nova edición do programa “Benestar en Balnearios”, unha iniciativa de promoción do envellecemento activo e o impulso de terapias non farmacolóxicas. No marco do mesmo ofértanse un total de 637 prazas para estadías e tratamentos en centros termais de toda a comunidade. Haberá diferentes quendas, desde o 1 de novembro ao 17 de decembro. As solicitudes poderán presentarse ata o 24 de outubro.

REQUISITOS

Poden beneficiarse deste programa os maiores de 60 anos e tamén os maiores de 55 que reúnan a condición de pensionista por xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións. Os solicitantes deberán estar empadroados e residir nalgún Concello da comunidade galega. Terán que valerse por si mesmos para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa. Non poderán padecer alteracións do comportamento que poidan afectar á normal convivencia nos establecementos, nin ningunha enfermidade transmisible con risco de contaxio, así como carecer de contraindicación médica para recibir os tratamentos termais.

A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu cónxuxe ou parella, sempre que cumpra os requisitos indicados, agás o relativo á idade. Tamén poderán participar como acompañantes os fillos dos solicitantes que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, sempre e cando se poidan desprazar con autonomía e cumpran todos os requisitos citados agás o referente á idade. Na valoración das solicitudes primaranse tanto os ingresos económicos como a idade dos solicitantes.

SOLICITUDES

Os interesados poden consultar toda a información sobre o programa “Benestar en Balnearios” na páxina web https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/programa-benestar-en-balnearios, para coñecer as indicacións terapéuticas de cada centro, as datas e quendas de cada un e os prezos que ofertan. As estadías son de dez días con diferentes quendas nos meses de novembro e decembro. As tarifas, moi accesibles, varían en función do establecemento hoteleiro e das características de cada balneario, entre os 269,17 e os 377,89 €. A Xunta subvenciona entre o 36 e o 43% dos custos.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Opcionalmente, poderanse presentar de xeito presencial en calquera rexistro da Xunta ou nas oficinas de Correos.

Tratamentos termais con fins terapéuticos e actividades socioculturais

O programa inclúe aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido. Ademais, os beneficiarios poderán someterse a tratamentos termais de prevención e rehabilitación con fins terapéuticos, que comprenden: o recoñecemento médico ao ingresar no balneario para a correcta prescrición do tratamento, o tratamento que prescriba o facultativo do balneario, o seguimento médico do tratamento, xunto coa participación en actividades de animación sociocultural que se leven a cabo no establecemento termal.

Participan 15 balnearios de toda Galicia

Nesta convocatoria participan un total de 15 balnearios de toda Galicia. Da provincia da Coruña o Balneario de Carballo e o de Compostela (Brión). Da provincia lucense están o Balneario de Augas Santas (Pantón), o Balneario de Lugo-Termas Romanas e Río Pambre (Palas de Rei). De Ourense participan os establecementos termais de Baños de Molgas, Arnoia, Laias (concello de Cenlle), Lobios e o Gran Balneario do Carballiño. E en Pontevedra os balnearios de Mondariz, Baños da Brea (situado en Vila de Cruces), Termas de Cuntis e os balnearios Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis).

 

Os interesados poden informarse chamando á liña de atención directa a maiores:

900 333 666.