Axudas para que particulares e familias poidan adquirir vehículos eficientes
A Xunta de Galicia publicará o próximo luns, 18 de abril, no Diario Oficial de Galicia (DOG), a ampliación de crédito para o programa Renove Automoción, co obxectivo de seguir apoiando a substitución do parque automobilístico e chegar a máis beneficiarios -particulares e familias-.
O Goberno galego, a través da Vicepresidencia económica, convocara a principios de ano esta orde de axudas por un importe de 2,5 millóns de euros, recibindo unha boa acollida, pois ata agora xa se beneficiaron preto de 900 familias e empresas, favorecendo a mobilización público-privada de ao redor de 18M€. Agora, e no marco do Plan de Choque impulsado pola Xunta, súmanse dous millóns de euros máis ao Renove Automoción co obxectivo de cubrir, aproximadamente, outras 740 solicitudes, entre solicitudes xa recibidas -e que estaban en lista de espera- e as de novos particulares interesados na adquisición de vehículos enerxeticamente eficientes.
Cómpre lembrar que as axudas son de concorrencia non competitiva —é dicir, por orde de chegada das solicitudes— e tramítanse a través das entidades colaboradoras. Oscilan entre os 3000 e os 4000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales o Goberno galego achega 2000 e 3000, respectivamente, e o concesionario, 1000. A contía increméntase nun 20% para familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3400 e 4600 euros.
A convocatoria inclúe a adquisición de vehículos novos –turismos e furgonetas– cun custo inferior ou igual a 40.000 euros. Será requisito imprescindible que a persoa beneficiaria acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de, polo menos, 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas. Polo tanto, entre os obxectivos está promover a substitución de vehículos de certa antigüidade –o parque móbil galego ten unha media de 14 anos– por outros novos e eficientes que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro e melloren a calidade do aire.