Axenda Enerxética de Galicia 2030
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro cos principais clústeres do sector enerxético para avanzar na Axenda Enerxética de Galicia 2030. Esta folla de ruta, que prevé un investimento público de máis de 630 millóns de euros na primeira fase, de aquí ao 2024, para dispoñer de máis fontes renovables e impulsar a eficiencia enerxética e o autoconsumo, a mobilidade eficiente e sustentable, a economía circular, a innovación tecnolóxica e os biocombustibles e gases de orixe renovable.
Tras a reunión, na que participaron os clústeres da xeotermia, a biomasa, as renovables, o autoconsumo enerxético e o Clúster de Solucións Ambientais e Economía Circular, Conde salientou que o Goberno galego busca avanzar cara a “unha transición enerxética que permita o desenvolvemento das diferentes enerxías renovables e ao mesmo tempo garantir o mix enerxético que nos poida facer competitivos desde o punto de vista industrial e tamén eficientes desde o punto de vista do impacto nas familias e nas pequenas e medianas empresas”. O vicepresidente económico apuntou tamén a necesidade de “garantir que a través das enerxías renovables a nosa industria poida ter unha maior competitividade”, en relación co prezo da enerxía.
Entre os obxectivos estratéxicos da nova Axenda, que se está a consensuar cos principais axentes, atópase converter Galicia nunha rexión neutra en carbono no 2050; diminuír a dependencia enerxética do exterior potenciando os recursos naturais e incrementando a capacidade de xeración renovable; e impulsar a descarbonización fomentando o autoconsumo e o uso eficiente dos recursos. Do mesmo xeito, tamén se aposta por promover o talento e a colaboración público-privada, e construír unha industria eficiente e sustentable apostando pola economía circular e a formación.
Así, agárdase, de cara ao 2030, que as renovables representen o 84,8% da xeración de enerxía eléctrica (en 2020 representaban o 74,3%) e un 58% no consumo de enerxía final (fronte ao 46,2% do ano 2020); así como reducir a dependencia enerxética no exterior ao 39,3%.