Os autobuses interurbanos da Xunta transportaron no primeiro trimestre do ano un 32% máis de viaxeiros

O aumento é destacable en concesións cun gran volume de usuarios que medran por enriba da media, incluso máis dun 50% nos tres primeiros meses do ano.
Nos tres primeiros meses de ano o transporte interurbano, de responsabilidade autonómica, rexistrou 7,74 millóns de usuarios fronte aos 5,86 millóns dos tres primeiros meses de 2021.

Os autobuses interurbanos da Xunta transportaron no primeiro trimestre do ano un 32% máis de viaxeiros que no mesmo período do ano 2021.

Nos tres primeiros meses de ano o transporte interurbano, de responsabilidade autonómica, rexistrou 7,74 millóns de usuarios fronte aos 5,86 millóns dos tres primeiros meses de 2021.

A evolución das cifras mensuais de viaxeiros no transporte público de titularidade da Xunta amosan unha tendencia crecente no número de usuarios que se desprazan neste medio. Así, o pasado mes de marzo, o último con datos consolidados, foi o mes con maior demanda desde o inicio da pandemia da COVID-19, superando os 2,9 millóns de viaxeiros. Este dato é tamén un 32% superior á media mensual de todo o 2021.

Con todo, a progresiva recuperación da demanda global no transporte público aínda non alcanza as cifras previas á crise sanitaria. A pesar do crecemento, o pasado mes de marzo o número de usuarios non escolares no transporte interurbano foi un 24% menor á cifra estimada antes do impacto da COVID-19 na mobilidade.

O aumento experimentado na demanda é destacable nalgunhas concesións cun gran volume de viaxeiros, que medran por enriba da media, incluso máis dun 50% nos tres primeiros meses do ano. Entre elas, atópanse as concesións que prestan servizo na comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo; no leste da comarca da Coruña; e no norte da comarca de Betanzos, sur da de Ferrol e oeste da de Eume. Ata marzo, estas concesións incrementaron a súa demanda con respecto ao mesmo período do 2021 un 55%, un 51% e un 45%, respectivamente.

No conxunto de Galicia é salientable o crecemento do número de viaxeiros xerais que empregan os servizos compartidos, que superaron os 225.000 no primeiro trimestre. Isto pon de manifesto a boa acollida entre a poboación non escolar desta modalidade de transporte posta en marcha pola Xunta, que permite empregar as prazas baleiras e que o autobús chegue a onde antes non chegaba.

Nos primeiros tres meses do ano o incremento de usuarios xerais que empregaron o transporte compartido foi dun 8,7% con respecto ao trimestre anterior e en marzo medrou un 210% con respecto á media mensual de 2021. No acumulado ata marzo xa supera dous terzos do total do pasado ano.

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, continúa a traballar no seguimento e optimización continua do transporte público por estrada co obxectivo de ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns e promover o seu uso como principal alternativa de desprazamento, un traballo que está a favorecer a recuperación da demanda.