Aumentan os casos de 'phishing' ou estafas de banca electrónica
O equipo técnico da Unión de Consumidores de Galicia, UCGAL, vén de confirmar as noticias recollidas nas últimas semanas por distintos medios de comunicación relativas ao aumento de casos de phishing bancario, de feito, só neste mes de setembro atendéronse 10 casos de persoas que foron vítimas deste tipo de estafas. A estes casos directamente atendidos pola asociación súmanse os daquelas persoas que se están a agrupar por propia iniciativa e que segundo as
estimacións dos propios afectados superan o número de 40 familias.
Co ánimo de coñecer de primeira man o alcance destas fraudes, a metodoloxía utilizada polos delincuentes e as respostas recibidas por parte das entidades financeiras e as distintas autoridades, Unión de Consumidores de Galicia contactou con distintas persoas afectadas acordando organizar unha xuntanza con todas as persoas que desexen trasladar o seu caso a esta organización.
UCGAL considera que antes de poñer en marcha actuacións de natureza xudicial, cómpre esgotar calquera outra vía de acción, en especial o contacto directo coas entidades financeiras para estudiar as vías que permitan a recuperación do diñeiro, e analizar aspectos como a seguridade dos sistemas, aplicacións e protocolos, así como a formación das persoas usuarias da banca electrónica e móbil.
UCGAL solicita que as persoas que desexen acudir leven consigo un breve informe da súa situación persoal (detalle dos feitos, importes subtraídos, reclamacións e denuncias presentadas, así como as respostas obtidas ás mesmas) que permita á asociación avaliar o alcance das fraudes á hora de dirixirse a entidades e autoridades.
A xuntanza terá lugar nas instalacións do Edificio Cersia en Santiago de Compostela (Rúa do Alcalde Raimundo López Pol, 15707 Santiago de Compostela), cedidas desinteresadamente polo Concello de Santiago de Compostela, o próximo xoves 30 de setembro ás 18.00 horas.
Por razóns de seguridade recoméndase contactar previamente coa organización para avaliar o aforo máximo e lémbrase que é obrigatorio o uso de máscara durante a xuntanza.