Asociacións, federacións e fundacións xacobeas con sede en Galicia constitúen un grupo de traballo
O Museo das Peregrinacións acolleu este sábado a presentación e sinatura da acta fundacional do grupo de traballo das asociacións de amigos do Camiño de Santiago e fundacións xacobeas en Galicia. Unha sorte de lugar de encontro e mesa de diálogo sobre os Camiños de Santiago asociado á S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e no que están chamadas a participar as asociacións, federacións e fundacións con sede na nosa Comunidade e dedicación exclusiva ou preferente ao Camiño de Santiago e a cultura xacobea.
No acto tomaron parte, ademais do conselleiro, o deán da Catedral de Santiago de Compostela, Segundo Pérez; a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira; o presidente da Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago, Luis Gutiérrez Perrino; o presidente da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e da Federación Galega de Asociacións do Camiño de Santiago, Manuel López Vázquez, e o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Isaías Calvo de la Uz.
CANLE
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou o compromiso da Xunta “cun Xacobeo perdurable e un Camiño significativo” e a “vontade de encontro e cooperación institucional arredor do Camiño de Santiago, a peregrinación e a cultura xacobea” que avala o nacemento deste grupo de traballo, co que se pretende establecer unha canle de diálogo e colaboración estable e fluída entre o asociacionismo xacobeo e a Xunta de Galicia.
“O establecemento deste grupo de traballo ‒explicou o titular de Turismo‒ permitiranos avanzar nun punto que xa fixamos no Plan Estratéxico do Xacobeo 2021: o recoñecemento, a visibilización e a posta en valor do labor que, desde o tecido asociativo, realizades en prol do Camiño de Santiago.” E concluíu afirmando que o grupo de traballo forma parte da estratexia da Consellería de Cultura e Turismo para “crear un ecosistema xacobeo propicio, preparado para sumar no éxito desta celebración con grandes posibilidades económicas e sociais”.
OBXECTIVOS E ESTRUTURA
O grupo de traballo terá entre os seus obxectivos principais fomentar o diálogo entre as propias entidades integrantes, e entre estas e a S.A de Xestión do Plan Xacobeo para a defensa, estudo, preservación e mellora do Camiño de Santiago en Galicia e da cultura xacobea en xeral. Ademais, servirá de foro para dar a coñecer os plans e programas nestes eidos; canalizará as demandas e propostas procedentes do tecido asociativo; e impulsará medidas para unha maior sensibilización social arredor dos valores e relevancia social, cultural e económica do Camiño de Santiago e cultura xacobea. Elaborando, de ser o caso, propostas sobre accións de investigación e divulgación científica e fomentando o traballo en rede.
Reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez cada trimestre nas dependencias da S.A. en Santiago, agás unha vez ao ano, que será noutros lugares de Galicia.