A secretaria xeral de Igualdade, López Abella, e a conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez interveñen nun foro centrado no protagonismo feminino na economía social en Galicia
Baixo o título “Mulleres rurais: raíces, presente e futuro da nosa terra”, reunirá a representantes -na súa maioría mulleres- das principais organizacións vencelladas á economía social na comunidade galega. Ademais, da vicepresidenta de Clun e presidenta de Mulleres de Seu, Carmen Rodríguez, participarán neste encontro o presidente de ForoESGal -Foro pola Economía Social Galega-, Celso Gándara; a presidenta de Espazo Coop -Unión de Cooperativas Galegas-, Ana Olveira; a colaboradora de AEIGA -Asociación de Empresas de Inserción de Galicia- Belén Rodríguez; a directiva de Nós As Mulleres -Asociación de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias de Galicia- María Manivesa; a presidenta de Alecrín -Asociación de mulleres rurais da comarca de Melide-, Aurora Fernández; e o presidente de Cegasal -Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro-, José Antonio Vázquez. Todos eles abordarán a figura da muller nas súas organizacións.
Durante o evento porase de manifesto a relevancia da economía social no tecido empresarial de Galicia, xa que 5 de cada 100 empresas ou entidades do sector privado pertencen a ela, e destas o 18% son cooperativas. Ademais, o 68% das persoas que traballan en empresas de economía social residen no rural e o 3,6% total do emprego rural procede directamente da economía social.
A xornada incluirá ademais a inauguración da exposición "Economía social no corazón da nosa historia", que se acaba de trasladar a Melide, onde permanecerá durante varias semanas no centro sociocultural da localidade. Esta mostra, impulsada por ForoESGal, permite facer un percorrido pola historia e o desenvolvemento da economía social en Galicia, amosando como contribúe a un crecemento inclusivo e á redución das desigualdades mediante unha maior estabilidade de emprego e niveis salariais superiores.