As precipitacións rexistradas na primavera galega foron un 21% máis baixas do valor de referencia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou a sede de MeteoGalicia co gallo da Semana do Medio Ambiente.

As precipitacións que rexistradas nesta primavera de 2021 foron un 21% máis baixas do valor de referencia, cunha media de 252 L/m2. Ademais, a temperatura situouse nos 11.3 ºC, polo que se pode considerar unha estación seca.

Estas foron algunhas das conclusións que avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa visita esta mañá á sede de MeteoGalicia, co gallo da Semana do Medio Ambiente, onde avanzou datos relativos ao balance climatolóxico da primavera. —meses de marzo, abril e maio—.

A conselleira sinalou que as chuvias rexistradas entre marzo, abril e maio situáronse un 21% por debaixo, respecto do período de referencia, polo que a primavera se pode considerar seca, debido principalmente ao mes de marzo.

Así, apuntou que o terceiro mes de 2021 se converteu no máis seco desde 1997; abril foi normal, tanto pola cantidade de precipitación (113 L/m2), como polos días de chuvia (cunha media de 10 xornadas); e maio, a pesar de ser húmido, non compensou a diferencia de marzo.

En relación coas temperaturas, a primavera foi cálida, debido principalmente ao mes de abril. En todo caso, situouse moi preto da normalidade, porque o comportamento de maio foi quen de diminuír moito a anomalía estacional.

Ademais, a conselleira destacou que marzo quedou marcado pola predominancia de situacións anticiclónicas, pero cunha anomalía positiva de temperatura de +0.12 ºC, polo que se considerou un mes normal; mentres que en abril (13.1 ºC de media) apenas houbo días de frío, con máximas elevadas principalmente polas tardes e situacións tormentosas que fixeron que as mínimas non fosen baixas.

Segundo engadiu, se no pasado ano o mes de maio fora o máis cálido da serie histórica, o de 2021 caracterizouse por ser moi cambiante, debido á chegada continua de borrascas e aire frío. Así, a temperatura media situouse nos 13.8 ºC, o que deixou unha anomalía de -0.63 ºC.

Durante a visita, Ángeles Vázquez tamén salientou que coñecemos esta situación grazas aos datos obtidos a través da rede de observación meteorolóxica e oceanográfica, en constante renovación e reforzo, que se completa coas cámaras web que permiten prever os adversos meteorolóxicos, así como realizar un seguimento das variables atmosféricas e oceanográficas, datos fundamentais para estudar e avaliar os impactos do cambio climático sobre a poboación, o territorio e os recursos naturais.

ANTICICLÓN

Por último, a conselleira aproveitou para dar un pequeno avance –con datos a curto prazo- de como será o verán galego. Indicou que esta fin de semana regresa o anticiclón, apuntando a que será duradeiro, e engadiu que todos os cidadáns agardan que predomine nas seguintes semanas.

Máis alá deste desexo, adiantou que os prognósticos estacionais marcan unha tendencia a que o verán será, como a primavera, algo máis cálido e seco do normal, pero insistiu en que é só unha estimación a longo prazo.