Artesanía de Galicia en Muros
A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe en Muros a iniciativa Obradoiros de Artesanía de Galicia en Muros, impulsada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación co obxectivo de achegarlle á sociedade os oficios artesanais, visibilizar a marca Artesanía de Galicia e contribuír á difusión do valor engadido destes produtos.
Nesta actividade, que conta coa colaboración do Concello de Muros, inclúense tres obradoiros abertos a todo tipo de públicos, que se celebrarán ata o venres 15 de abril no Muíño das Mareas do Pozo do Cachón. Ao longo da semana, os visitantes poden coñecer de preto o bordado, a estampaxe téxtil e a pintura sobre madeira de xeito gratuíto e sen necesidade de inscrición previa.
A artesá Minia Banet, de Variopinto (Santiago de Compostela), é a encargada de impartir o obradoiro de Bordado sobre postais, no que os participantes aprenden a bordar sobre papel intervindo antigas imaxes da vila de Muros e arredores, empregando postais e fíos de bordado e creando texturas mediante diferentes puntos.
Xiana Cobo (Santiago de Compostela) dirixirá o obradoiro Estampaxe manual téxtil, na que amosará como usar unha das técnicas máis antigas da decoración de tecidos: a técnica de estampaxe por bloques. Os participantes poderán estampar un pano de algodón de 45x45cm ou calquera prenda que decidan levar da casa, a través de selos de diferentes formas e cores.
Leonor Díaz, do obradoiro Como pez en el agua (Vigo), impartirá o Taller de pintura sobre madeira, no que os participantes poderán decorar con pintura acrílica discos de madeira para colgar.
Os obradoiros realízanse en horario de 11:30 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 horas, ata o 15 de abril incluído, agás o taller de Minia Banet, que rematará o día 14.