Artesanía de Galicia organiza un curso online para formar os profesionais do sector en marketing dixital e xestión de redes sociais
A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, organiza un curso online de formación para achegar o sector artesán galego aos novos métodos de márketing e de comunicación, así como mellorar a competitividade e a comercialización nas súas empresas. As clases terán lugar os días 22, 23, 29 e 30 de outubro e mais o 5 de novembro. O prazo de inscrición está aberto na páxina web da Fundación.
Ao longo da formación traballarase sobre a estratexia dixital, a construción da marca, a venda online, a creación de contido, o uso das redes sociais como ferramenta de difusión e de xeración de negocio, regras e tipos de contidos para as diferentes redes, a publicidade online e as ferramentas de monitorización e seguimento de clientes. Cada un dos participantes terá acceso a unha consultoría individualizada, na que poderá analizar o caso da súa marca e da súa estratexia dixital.
A formación correrá a cargo de Javier Rocamora, consultor e formador especialista en márketing online, xestión de redes sociais e comercio electrónico. Conta con 28 anos de experiencia profesional ligados ao mundo do márketing e das vendas e está centrado no eido dixital desde o ano 2005.
Nesta última parte do ano, a Fundación Artesanía de Galicia está a introducir a modalidade online na súa proposta formativa, ademais de potenciar os contidos relacionados coa presenza dixital e a difusión e a comercialización online, co obxectivo de apoiar o sector artesán galego na apertura de novas vías para achegar o seu produto aos clientes e afianzar as súas marcas. Esta mesma semana, iniciouse o curso Formación estratéxica para a nova artesanía, máis centrado na xestión empresarial, e está prevista outra actividade formativa online no marco do proxecto Enredadas.