Alumnos de Medicina fórmanse nas indicacións terapéuticas dos tipos de augas mineromedicinais
A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia inicia este mes
un novo curso académico formando aos futuros facultativos na cura termal.
A materia de Hidroloxía Médica comezou a impartirse na Universidade de Santiago
en 2006, froito dun acordo coa Asociación de Balnearios de Galicia. Catro anos despois
nacía, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a Cátedra de Hidroloxía
Médica, a segunda que existía en España, e que forma cada ano a máis dun
centenar de alumnos. Este ano o número de prazas será de 120.
O director da Cátedra é o doutor Juan
Gestal Otero, Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade
de Santiago. Salienta “a importancia de iniciar aos alumnos na utilización
desta modalidade de terapia na súa práctica médica”. Nesta liña, os futuros
médicos coñecerán as indicacións terapéuticas dos distintos tipos de augas
mineromedicinais que existen nos balnearios galegos.
Os alumnos, todos eles de sexto curso do Grao de Medicina, participarán
en sesións teóricos-prácticas de fin de semana, ao longo do mes de marzo, en seis
balnearios da comunidade. Trátase dos balnearios ourensáns de Laias (no
concello de Cenlle) e Arnoia; os pontevedreses de Mondariz e Caldelas de Tui; e
os lucenses de Augas Santas (Pantón) e Balneario de Lugo-Termas Romanas.
Nestas sesións, impartidas polos directores médicos e profesionais de
cada centro, abordarase o valor terapéutico das augas mineromedicinais no
tratamento das enfermidades reumatolóxicas e nas patoloxías reumáticas
crónicas. Tamén se afondará en diferentes terapias e técnicas termais, así como
no tratamento dos pacientes xeriátricos. Abordarase o papel da balneoterapia no
deporte, ademais do termalismo pediátrico.
O avellentamento da poboación, o incremento das doenzas crónicas e o estrés fan que a cura balnearia teña cada vez máis aplicacións na medicina actual
O director da Cátedra destaca “o peso cada vez maior da hidroloxía médica
na medicina actual, pois o avellentamento da poboación, o incremento das
enfermidades crónicas e o estrés fan que a balneoterapia teña cada vez máis
aplicacións”. O doutor asegura que na actualidade “é indiscutible o valor da
balneoterapia como factor coadxuvante na prevención, tratamento e rehabilitación
de procesos patolóxicos de evolución crónica”.
MATERIAIS
Entre as actividades que a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios
de Galicia vai desenvolver este ano, destaca a distribución, co apoio da consellería
de Educación, Universidade e Formación Profesional, de exemplares da recentemente
presentada “Guía didáctica: Os Balnearios
de Galicia. Descubre as súas posibilidades para a saúde” nos preto de 1.300
institutos e centros de Primaria de toda
Galicia, tanto públicos como privados.
Tamén se vai continuar coa distribución, entre os novos especialistas médicos
da comunidade galega, do “Vademécum de augas mineromedicinais de Galicia”,
no que se recollen as indicacións terapéuticas da cura balnearia. Permite asos
facultativos dispoñer de información actualizada e científica sobre a composición
e propiedades terapéuticas dos diferentes tipos de augas mineromedicinais que
existen en Galicia, o que facilitará o seu uso como alternativa eficaz ou
complementaria aos medicamentos en certas doenzas.
Ademais, a Cátedra está a organizar o II Ciclo “A saúde é o que importa”,dirixido
á poboación xeral, en colaboración coa Fundación Araguaney. E ten previsto así
mesmo participar en Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal,
Saúde e Benestar, que este ano se celebrará en Arxentina.