Alfonso Rueda, titular da Xunta de Galicia: "A fala que todos eles coidaron non é privativa de círculos eruditos ou de esferas populares"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, preside o acto conmemorativo con motivo do Día das Letras Galegas 2022 dedicado a Florencio Delgado Gurriarán. Teatro Lauro Olmo, O Barco de Valdeorras, 17/05/22.

O poeta e moitos outros coma el conxuráronse para que o galego non quedara reducido a unha nota a pé de páxina da nosa historia. Desexaban que puidera seguir escribindo aínda novos capítulos. O autor é poeta, é divulgador, é tradutor, é militante... E desexa, xunto co compromiso do galeguismo de aquí e de alá, un novo Rexurdimento que comezou a “trocar de idea en feito”, como diría Castelao, hai apenas catro décadas.

Moitísimas grazas por estar aquí as súas fillas. Teño que dicir que acabo de coñecelas pero é certo que ás veces coñeces á xente e nun momento dáste conta de como son, do que senten. E, eu, o que se sentín hoxe foi o orgullo do seu pai, moitísimo, e o agradecemento por estar aquí e iso ten que ser tamén das sensacións e do que lle transmitiu o seu pai durante moitísimo tempo. E nótase que aquí tamén fixo un magnífico labor. Grazas por estar aquí e benvidas a Galicia.

Grazas tamén a Ricardo, por suposto, estudoso e admirador da figura do seu tío.

Señoras e señoras, veciños e veciñas do Barco.

Non se me ocorre mellor maneira de comezar a miña andaina que hoxe aquí, na comarca de Valdeorras, celebrando un día tan importante para Galicia, para a nosa cultura, para a nosa lingua, conmemorando o que empezou hai tanto tempo coa publicación deses Cantares Gallegos que supuxeron un rexurdimento que deu moitos pasos para diante pero que aínda ten que dar moitísimos máis. E eu tamén aí intentarei estar á altura desta encomenda, desta enorme riqueza que supón ter en Galicia unha lingua e unha cultura propias.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e familiares do homenaxeado preside o acto conmemorativo con motivo do Día das Letras Galegas 2022 dedicado a Florencio Delgado Gurriarán. Teatro Lauro Olmo, O Barco de Valdeorras.

Antes de nada quixera enviar toda a forza os meus mellores desexos de recuperación a Domingo Villar, outro gran nome da nosa lingua, logo de ter noticia onte do seu súbito ingreso no hospital. Neste día grande para as Letras que tanto contribúe a cultivar, témolo moi presente.

“Nosa Galicia é máis que toda a Terra”. O verso de Florencio Delgado Gurriarán non é, nin moito menos, unha impugnación dos actuais lindes do país, nin unha arroutada imperialista. Nin sequera unha hipérbole.

A “Galicia infinda” é, pola contra, un universo verdadeiro comandado por figuras coma el, que existe grazas á lingua e grazas á cultura.

Acudir estas razóns axuda para entender por que o poeta, e tantos outros exiliados en tempos escuros, mantiveron acesa a chama da nosa cultura alá onde os levaron os pasos do seu exilio. 

Non se impuxo neles o resentimento nin o desarraigo. Ao contrario, o seu compromiso vital e cultural foron demostrativos de que hai unha Galicia que é terreal e outra que “somos nós, a xente e máis a fala”, como a describiu Manuel María.

Está aquí pero viaxa sempre na cabeza e no corazón de cada galego.

Sen poder pisar Córgomo durante demasiados anos, Florencio Delgado Gurriarán habita tamén esa outra terra mentres segue cultivando unha longa tradición de construtores de Galicia desde fóra de Galicia.

Desde o himno ata a bandeira, ou a mesma publicación de “Follas Novas”, a diáspora vai deixando un herdo eterno que o noso homenaxeado neste Día das Letra Galegas amplifica coa súa poesía e o seu activismo cultural.

Os seus versos, os exemplares de Vieiros, o impulso ao Padroado da Cultura Galega en México... Foron –por empregar as propias palabras do autor— “fachiños para escorrentar as tebras” nas que vivía a nosa cultura durante a posguerra.

Desde México, Buenos Aires e en tantos outros lugares de Hispanoamérica a emigración non só amplía os horizontes para a lingua e a cultura, senón que tamén fai un labor de resistencia, á espera de que en Galicia amenza por fin a democracia.

O poeta e moitos outros coma el conxuráronse para que o galego non quedara reducido a unha nota a pé de páxina da nosa historia. Desexaban que puidera seguir escribindo aínda novos capítulos.

O autor é poeta, é divulgador, é tradutor, é militante... E desexa, xunto co compromiso do galeguismo de aquí e de alá, un novo Rexurdimento que comezou a “trocar de idea en feito”, como diría Castelao, hai apenas catro décadas.

Desta volta, a Galicia orgullosa que promoven os emigrantes e as figuras do exilio vai sincronizándose co espertar da Galicia de aquí, nun proceso de recuperación da nosa autoestima cultural, parello á autonomía, no que todos participan, sen exclusións.

Penso que significativa é a derradeira visita que o valdeorrés fai a Galicia no ano 1981, coincidindo coa promulgación do Estatuto de Autonomía que consolida o galego como “lingua propia” do país.

Esa viaxe vén motivada polo súa entrada nesta Real Academia, que cada 17 de maio nos convoca para homenaxear as figuras da nosa particular dinastía lingüística e literaria.

No seu discurso de ingreso de Florencio Delgado Gurriarán no Casino do Barco, o “inspirado poeta e patricio insigne” –como foi definido na súa acta de ingreso— mestura o recordo á emigración co eloxio a un proceso democrático no que todas as linguas, en lugar de confrontar, converten a España nun “harmonioso concerto de falas irmás”.

A cordialidade de Galicia tamén é lingüística. O galego soa con forza, compleméntase e atrae a falantes e ouvintes, sen considerar o contacto con outros idiomas unha ameaza que a debilite, antes ben ao contrario.

Grazas ao labor de figuras como o noso homenaxeado e o traballo infatigable desta institución, o galego, ademais de ser o idioma propio, pode medirse en pé de igualdade co resto de linguas do mundo.

Esa igualdade é certo que é cara a fóra pero tamén cara a dentro. Porque a fala que todos eles coidaron non é privativa de círculos eruditos ou de esferas populares.

Pola contra, o traballo constante de impulso ao que Florencio e os seus coetáneos dedicaron –e arriscaron— as súas vidas estivo orientado a que hoxe a nosa lingua sexa, como é, un espazo vivo de encontro entre todos os galegos. Un terreo no que todos poidamos recoñecernos e conversar.

O galego nomea, o galego expresa, o galego emociona e interpreta calquera realidade desde o noso prisma sen máis valados que os da propia creatividade.

Non hai razón, pois, para impoñerlle particións ideolóxicas nin estereotipos equivocados. Si, en cambio, hai motivos dabondo para seguir impulsándoo con moita forza en todos os eidos.

Os finais son un recurso propio da novela e da ficción. Galicia, pola contra, está chamada a escribir novos capítulos na historia, tamén “infinda”, da nosa lingua. Son perfectamente consciente de que non sobran voces nese relato: máis ben ao contrario.

Faltan aínda as aparicións de moitas familias, da sociedade do exterior, e sobre todo das mozas e mozos aos que diriximos o Plan de Galego na Mocidade.

O galego xa é seu, porque é o patrimonio que os seus antecesores lle deixaron, pero tamén queremos que o sigan facendo seu para que algún día llo poidan legar aos seus fillos.

En México –terra afastada xeograficamente, non tanto no corazón— ou en Valdeorras –terra escarpada— Florencio ensinounos que o idioma tamén pode ser ponte entre a nosa esencia e calquera realidade, como...

a da intelixencia artificial á que tratamos de chegar co Proxecto Nós!;

a da Lusofonía, que nos conecta con 260 millóns de falantes; eido lingüístico, no eido cultural, no eido sentimental.

ou unha ponte cara a un maior coñecemento do galego en máis de 40 universidades de todo o mundo.

Na Galicia de Gurriarán á que aludía ao comezo cabe o Amazonas, Hong-Kong e a Corrente do Golfo, pero o seu mundo gravita sempre sobre Valdeorras, sobre a súa terra.

Esa é a mellor homenaxe que o poeta de Córgomo lle puido render a súa comarca: o seu fogar e a súa fonte de inspiración ao mesmo tempo. A Valdeorras que non sempre puido habitar, puido habitala seguro que moitísimo menos tempo do que el desexaba, vive e viviu eternamente nos seus versos.

Nós, pola nosa banda, accedemos a súa “Bebedeira de Ensoños” grazas á exposición que tiven a honra de poder visitar antes de acceder a este salón de actos –en cuxas fotografías recoñecín o meu tío avó, o galeguista Ramón de Valenzuela, non tiven ocasión de ver moitas fotos del, feito que me emocionou e me gustou moito velo aquí e velo ao lado do seu amigo Florencio— e a unha completa programación de máis dun cento de actividades.  

Este 17 de maio rendemos homenaxe a un valdeorrés comprometido coa democracia e cun país sen fronteiras, que é Galicia, que vive na fala e na acción cultural.

Polo tanto, celebramos unha Galicia libre, orgullosa e cordial que deixa de existir nos soños dos antepasados para ser unha realidade coa que nos comprometemos. Eu, sabendo moi ben o que digo, o primeiro.

Mantemos vivo un idioma –o propio, o noso, e que ten que seguir sendo de todos— que nos define como pobo e singulariza a nosa pegada no mundo. Esa que deixamos e que temos que seguir deixando.

E conxurámonos para que o galego, coa participación de todos, floreza durante “mil primaveiras” máis. E hoxe, 17 de maio sempre é unha boa data para recordalo sen esquecer que o resto do ano hai que seguir facendo exactamente o mesmo.

“Onde hai galegos conscientes do seu está Galicia”, di o presidente da Academia, Víctor Freixanes.

Florencio Delgado Gurriarán foi, en consecuencia, un galego que nunca abandonou esta terra.

Habitou un país “infindo” de cultura e lingua que a nós nos corresponde impulsar, mentres este país terreal, tamén seu, lle rende un merecido aplauso, aquí, na súa terra, a que sempre levou no corazón e a que nunca o esquecerá.

Moitas grazas

 

Imaxes relacion