Aínda se poden presentar solicitudes ao programa Renova o teu vehículo
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, estivo esta tarde en Corgal Automóviles – concesionario KIA na Coruña, un dos 67 establecementos adheridos ao programa Renova o teu vehículo.
Tal e como informou o director, o prazo de presentación de solicitudes continúa aberto ata o 30 de setembro ou ata que se esgote o crédito. Neste sentido explicou que aínda se poden pedir estes apoios.
Este programa está dirixido tanto a particulares coa súa residencia habitual en Galicia –que poderán adquirir un único vehículo– como autónomos e empresas con domicilio social ou centro de traballo na Comunidade, que poderán mercar un máximo de 10 unidades. A convocatoria inclúe a adquisición de vehículos novos –turismos e furgonetas– cun custo inferior ou igual a 42.000 euros -cantidade que ascende a 47.000 euros no caso de vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 quilómetros en modo eléctrico-. É requisito imprescindible que o adquirinte titular do novo vehículo acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de polo menos 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas.
As axudas, de concorrencia non competitiva e que se tramitarán a través das entidades colaboradoras, oscilan entre os 3.000 e os 4.000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales a Xunta achega 2.000 e 3.000, respectivamente e o concesionario 1.000. A cantidade increméntase nun 20 % para as familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3.400 e 4.600 euros.