Acto 'in memoriam' do profesor Tito A. Varela

Tito Varela.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidade de Santiago celebran mañá martes, 19 de setembro, un acto “in memoriam” do profesor Tito Antonio Varela López, falecido o pasado mes de abril, académico supernumerario da RAGC e catedrático de Antropoloxía Biolóxica da Universidade de Santiago. O evento terá lugar na facultade de Bioloxía da USC, a partir das 12.30 horas.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidade de Santiago celebran mañá martes, 19 de setembro, un acto “in memoriam” do profesor Tito Antonio Varela López, falecido o pasado mes de abril, académico supernumerario da RAGC e catedrático de Antropoloxía Biolóxica da Universidade de Santiago. O evento terá lugar na facultade de Bioloxía da USC, a partir das 12.30 horas.

O acto abrirao o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. De seguido, Manuel Freire, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC e académico da RAGC, abordará a traxectoria do homenaxeado no seo da Real Academia Galega de Ciencias. Rosario Calderón, catedrática de Antropoloxía Física da Universidad Complutense de Madrid, afondará no “alto compromiso universitario” do profesor no eido da Antropoloxía Física. Pola súa parte, José Luís Blázquez, catedrático de Antropoloxía Biolóxica da USC, lembrará a figura do que fora o seu director de tese.

Tito Varela.

No transcurso do acto intervirán ademais o decano da facultade de Bioloxía da USC, Jesús López Romalde; e o presidente da RAGC, Juan Lema.

Tito A. Varela López (1943-2023)

Natural do concello lucense do Saviñao, Tito Varela foi profesor de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía da Universidade de Santiago. En 1982 ingresou como académico da RAGC na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde e foi o seu secretario no período 1982-1990 e tesoureiro entre 1990 e 2013. Foi presidente da Sociedad Española de Antropología Física entre 1984 e 1987.

Logo de traballar na Universidade de Barcelona volveu a Galicia, á Universidade de Santiago, onde se centrou en diversas áreas da Antropoloxía Biolóxica. A súa tese de doutoramento, lida na Universidade Complutense de Madrid en 1973, versou sobre o estudo antropolóxico dos restos óseos procedentes de necrópoles visigodas da Península Ibérica e tivo un importante impacto na comunidade científica da época. Posteriormente, traballou en consanguinidade e ADN mitocondrial.

 

Na súa última etapa en activo dedicouse á análise de secuencias Alu do ADN. Como investigador, estaba profundamente interesado na evolución humana e nas relacións filoxenéticas. Ao longo da súa dilatada traxectoria académica escribiu unha trintena de artigos científicos e dirixiu catro teses de doutoramento.