Aconsellase tratar as camelias ante os pulgóns e o ácaro da caída do botón floral
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro recomenda manter a vixilancia ante o mildio nas viñas, así como revisar os buxos por se se precisa tratar fronte á eiruga e retirar e eliminar os froitos dos cítricos que están a murchar nas árbores.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra aconsella tratar as camelias e outras plantas ornamentais e froiteras ante a aparición do pulgón. Tamén alerta da necesidade de aplicar tratamento fronte ao ácaro da caída do botón floral da camelia, vixilar as viñas para previr o avance do mildio, así como revisar os buxos por se precisan tratamento fronte á eiruga e retirar e eliminar os froitos dos cítricos que están a murchar nas árbores.
No caso das camelias e plantas ornamentais e froiteras, Areeiro ten detectado a aparición dos pulgóns que están xa a causar dano estético evidente. A incidencia, de momento, é pequena, pero o centro dependente da Deputación recomenda estar alerta para eliminar as colonias mediante a retirada e destrución de gromos afectados e aplicar tratamento insecticida nos brotes máis exteriores das plantas. Ademais, no caso exclusivo das camelias, Areeiro recomenda aplicar tratamento fronte ao ácaro da caída do botón floral.
Ante a incerteza das previsións do tempo consultadas, o centro dependente da Deputación recomenda manter a vixilancia ante o avance do mildio nas viñas, en especial se as temperaturas nocturnas son suaves e se as viñas aínda non recibiron tratamento fitosanitario. Ademais, o vento destes días ten provocado a rotura dalgúns gromos nas viñas polo que, de ser preciso tratar as viñas afectadas fronte ao mildio, cómpre usar funxicidas que leven folpet, para mellorar a súa cicatrización.
No que respecta ao buxo, Areeiro ten observado menos síntomas de actividade das eirugas ben polos tratamentos realizados ou porque están en fase de crisálide. Sen embargo, o centro dependente da Deputación recomenda manter a vixilancia por se é preciso facer un tratamento.
E en canto aos cítricos, a climatoloxía húmida ten provocado que moitos froitos estean a murchar na árbore. Deste xeito, á marxe de aplicar un tratamento, Areeiro recomenda retirar e eliminar os froitos afectados para reducir a incidencia da enfermidade.