No territorio da reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Accións de voluntariado para erradicar a invasora herba da Pampa

A Cortaderia selloana, tamén coñecida como herba da pampa.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Dirección Xeral de Xuventude colaborarán este ano por primeira vez na organización de distintas accións de voluntariado que teñan como fin a identificación e eliminación no territorio da reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo da cortaderia selloana, tamén coñecida como herba da pampa, unha especie exótica invasora orixinaria de Suramérica e presente en moitos puntos da comunidade.

Así o avanzou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a reunión ordinaria da Comisión Executiva do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA), un encontro no que tamén se abordaron os resultados das actividades promovidas de forma conxunta ao longo de 2019 e se revisou a programación prevista para este ano.

Estas novas accións de voluntariado enmárcanse no proxecto europeo LIFE Stop Cortaderia, que analiza e trata de lograr a eliminación desta especie invasora na franxa que vai desde a costa oeste de Francia, o arco norte de España e Portugal, pola que se ten estendido con gran rapidez. Precisamente, a Consellería de Medio Ambiente coordina desde hai meses o traballo encargado a SEO/BirdLife e ao CEIDA para redactar un plan galego de acción contra a herba da pampa.

Segundo lles trasladou Belén do Campo aos membros do consello de dirección do CEIDA, o acordo entre Medio Ambiente e Xuventude permitirá implicar á mocidade galega nos obxectivos do programa Life cun dobre fin: por un lado, achegar e familiarizar ás novas xeracións cunha das especies invasoras máis estendida na comunidade e por outro, favorecer a súa participación en actividades de voluntariado vencelladas ao medio ambiente.

PLAN DE TRABALLO

O programa LIFE Stop Cortaderia será unha das liñas de traballo máis importantes nas que a Consellería e o CEIDA colaborarán este ano. A maiores e de acordo co plan de traballo que hoxe foi sometido á consideración da comisión executiva da entidade, decidiuse apostar por darlle continuidade ao labor desenvolvido en 2019.

Neste sentido, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez destinará un orzamento de máis de 56.000 euros ás actividades previstas no marco do convenio de colaboración co CEIDA, un instrumento que nos últimos anos exerceu de forma moi efectiva o seu papel, como subliñou do Campo, no eido da promoción e da divulgación da educación ambiental en todos os sectores e tamén como ferramenta para o intercambio do coñecemento científico.

A proposta de traballo para este ano inclúe a realización de actividades formativas e de divulgación, exposicións itinerantes de distintas temáticas, a promoción das áreas protexidas da comunidade, labores de asesoramento técnico ou a difusión nas áreas protexidas dos chamados Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) aprobados pola ONU.

A modo de exemplo, no mes de abril está prevista a celebración dunha importante xornada para dar a coñecer o traballo en rede das reservas da biosfera de Galicia no contexto insular e costeiro. Tamén en primavera terá lugar a segunda xornada de mulleres relevantes na reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e un encontro centrado no ecoturismo en áreas protexidas.

Así mesmo, este ano volverá celebrarse un novo congreso do Observatorio galego de Educación Ambiental no marco do cal se ofrecerá un curso de educación ambiental aberto a toda a cidadanía. E no eido escolar, daráselle continuidade ao programa chamado Maletas viaxeiras, pensado para dar a coñecer nos colexios o noso patrimonio natural.