A Xunta recoñece o traballo de 10 centros de ensino cos Premios Proxecta ás mellores iniciativas desenvolvidas ao abeiro destes programas
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de recoñecer o traballo de 10 centros de ensino públicos galegos cos Premios Proxecta de Innovación Educativa 2019, dirixidos aos centros docentes públicos admitidos no Plan Proxecta durante o curso escolar 2018/19. O obxectivo destes galardóns é consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes neste programa.
Os centros galardoados nas dúas categorías do certame son os seguintes:
Premio Categoría A (Infantil e Primaria) Categoría B (ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial) 1º premio (5.000 €) CEIP Plurilingüe Frián- Teis (Vigo. Pontevedra) IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia. Ourense) 2º premio (4.000 €) CEIP Heroínas de Sálvora (Ribeira. A Coruña) IES Carlos Casares (Vigo. Pontevedra) 3º premio (3.000 €) CPI Plurilingüe Laureano Prieto (A Gudiña. Ourense) IES Santa Irene (Vigo. Pontevedra) Accésit (1.000 €) CRA de Ribadumia (Ribadumia. Pontevedra)CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño (Rubiá. Ourense) IES Primeiro de Marzo (Baiona. Pontevedra)IES de Ponte Caldelas (Ponte Caldelas. Pontevedra)
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.
Neste curso ofertáronse un total de 44 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a creación audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.
No actual curso 2019/20 participan no Plan Proxecta 579 centros de ensino, preto de 148.000 alumnos e alumnas (un 7,46% máis ca no curso anterior) e máis de 8.200 docentes.