A Xunta incrementa nun 11% os fondos para mellorar a estrutura do sector da transformación e comercialización de produtos do mar
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vigo o apoio da Xunta ao sector transformador de produtos do mar, unha aposta, explicou, que se plasma nos orzamentos, “xa que as partidas deste ano destinadas á mellora da estrutura do sector da transformación e comercialización de produtos do mar medran nun 11% acadando case os 27 millóns de euros”. Así o sinalou durante o acto de presentación do libro A colección do Museo Anfaco no 115 aniversario da Unión Conserveira, onde estivo acompañada pola delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro.
Alí a titular de Mar tamén explicou que no período 2016-2020 a Xunta pon a disposición do sector transformador de produtos do mar case 96 millóns de euros en apoios para a obtención de maior valor engadido e a venda adecuada dos peixes e mariscos. Nesta liña, expuxo Rosa Quintana, desde o 2016 o Executivo galego apoiou máis de 180 proxectos de pemes de transformación de produtos do mar con máis de 42 millóns de euros, que conseguiron mobilizar un investimento total de 100 millóns de euros.
O mellor froito deste apoio, subliñou, é que a industria conserveira de peixes e mariscos, que emprega de xeito directo a máis de 12.000 persoas en Galicia, “medre e siga sumando anos e experiencias”. Neste desenvolvemento do sector, Rosa Quintana tamén puxo de relevo o papel da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados (Anfaco), que conta con preto de 250 empresas asociadas.
Neste sentido, agradeceu o seu labor de difusión da historia da actividade conserveira a través do museo da conserva e do libro que hoxe se presenta e que inclúe a historia das conservas de peixe e marisco a través da colección do Museo Anfaco. Un relato, sinalou a conselleira, “que recolle a traxectoria do emprendemento, a innovación, a adaptación de pequenas empresas, o esforzo, a dedicación e o sacrificio dos traballadores do sector e tamén a traxectoria da reinvención, a internacionalización e a competitividade de toda a industria de transformación de produtos do mar”.
O LIBRO
A colección do Museo Anfaco no 115 aniversario da Unión Conserveira conta en preto de 200 páxinas a historia das conservas de produtos do mar a través do museo Anfaco. O fío argumental son obxectos e documentos da colección do museo da conserva e a publicación divídese en tres bloques.
O primeiro deles é sobre a orixe da colección museística e a segunda parte fai fincapé nos recursos técnicos, científicos, históricos, publicitarios e humanos presentes no desenvolvemento do sector transformador de produtos do mar desde os seus inicios ata a actualidade. O terceiro e último bloque fai un breve resumo das actividades do Museo Anfaco e da fundación que o xestiona para poñer de relevo a dimensión do museo.
Esta publicación é unha das accións que se enmarca dentro do convenio de colaboración do ano 2019 entre a Consellería do Mar e Anfaco e que ten como obxectivo o desenvolvemento de accións de promoción das conservas de peixes e mariscos e a mellora da súa comercialización.