A Xunta e o Concello colaboran para converter Santiago nun polo industrial e de innovación da biotecnoloxía e o forestal

Santiago pasará a ser un Concello Emprendedor, o que permitirá que a Administración autonómica e a municipal colaboren para atraer investimentos empresariais.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, mantiveron hoxe un encontro no que avanzaron na súa cooperación para converter o municipio nun polo industrial e de innovación dos sectores da biotecnoloxía e o forestal.

O conselleiro apuntou que se está a desenvolver unha colaboración efectiva que permitirá que Santiago sexa “a capital do talento, do coñecemento e da innovación”. Así, destacou o traballo que se está a realizar no marco do Hub de Innovación Dixital que lidera o Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Datalife, e a colaboración co Clúster da Madeira, así como o desenvolvemento da aceleradora Bioincubatech e outros proxectos de futuro coa Asociación de empresarios do Polígono do Tambre, a Cámara de Comercio e a Universidade de Santiago de Compostela.

Conde tamén lle trasladou ao rexedor compostelán o agradecemento por converter a Santiago en Concello Emprendedor, o que supón establecer unha alianza entre a Xunta e o concello para facilitar o acceso ao solo empresarial e facilitar as tramitacións administrativas, co obxectivo de captar investimentos empresariais e facilitar o emprego, o emprendemento e o desenvolvemento da industria. Tal e como lembrou o conselleiro, son xa 126 os municipios galegos que contan co distintivo de Concello Emprendedor, aos que se unirá Santiago de Compostela.

No encontro celebrado en San Caetano afondouse ademais noutros aspectos vinculados á formación dos traballadores, clave tamén para a atracción de investimentos, e así, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria lembrou a colaboración que se desenvolve co concello en eidos como os obradoiros de emprego.