A Xunta axuda a 32 proxectos para que participen no programa europeo H2020
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas concedidas ao abeiro da convocatoria de 2019 de axudas para o fomento da participación galega no programa marco de investigación e innovación da Unión Europea, H2020. En concreto, a Axencia Galega de Innovación concede 32 axudas en dúas modalidades: 29 para a preparación de propostas que se presentan a este programa e 3 para o financiamento de proxectos de empresas galegas que obtiveron o selo de excelencia no Instrumento Peme da Comisión Europea.
O obxectivo desta convocatoria é reforzar o apoio ás pemes galegas para incrementar a súa participación no programa europeo H2020 e, por conseguinte, a internacionalización do sistema galego de I+D+i.
En total, a través desta convocatoria concedéronse 1,1 millóns de euros, cofinanciados con fondos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, dos que o 89% foron destinados a pemes e o 11% restante, a organismos públicos e privados de investigación. A concesión das axudas realizouse por orde de entrada das solicitudes, sempre que cumpriran os requisitos, e a intensidade das axudas oscila entre o 35% e o 80% en función da liña de axudas e do tipo de entidade beneficiaria.
Esta nova liña de axudas da Xunta de Galicia que persegue mellorar a calidade das propostas das pemes no programa Horizon2020, así como incrementar o impacto da convocatoria Instrumento Peme da Comisión Europea en Galicia a través do rescate e apoio económico ás propostas que recibiron o selo de excelencia, terá continuidade proximamente coa publicación da convocatoria correspondente a 2020 dotada con 2,76 millóns de euros para proxectos que se executen desde o 1 de xaneiro de 2020.
Trátase dunha convocatoria pioneira a nivel estatal ao incluír todas estas liñas de apoio: a de preparación de propostas “de calidade” tanto de pemes como de organismos públicos e privados de investigación ao programa H2020; e a que permite relanzar propostas de pemes galegas que acadaron o selo de excelencia da Comisión Europea nas Fases 1 e 2 da convocatoria Instrumento Peme de Horizon2020 desde 2016, co fin de optimizar a coordinación entre o Programa Marco (H2020) e o programa Feder Galicia, de tal xeito que mellore a eficiencia e a eficacia no sistema galego de innovación do financiamento dedicado á I+D+i.