A Secretaría Xeral para o Deporte subvenciona a 141 concellos de menos de dez mil habitantes
Un total de 141 concellos de menos de dez mil habitantes de Galicia beneficiáronse das subvencións concedidas pola Secretaría Xeral para o Deporte para o desenvolvemento de actividades durante este ano.
Estas subvencións englóbanse no programa de colaboración cos concellos de menos de dez mil habitantes de Galicia para o desenvolvemento de actividades, para o que a Secretaría Xeral para o Deporte destinou unha partida de 250.000 euros.
Na convocatoria eran subvencionables programas para a integración da muller no deporte, de fomento da actividade física na terceira idade, ademais de plans de deporte de integración ou de fomento de deportes tradicionais, así como proxectos relacionados coa actividade física para a saúde.
Os programas podían ser subvencionados ata un máximo de 8.000 euros e ata un límite do cincuenta por cento do orzamento de cada actividade. Dos 141 concellos axudados, 43 pertencen á provincia da Coruña, 26 á de Lugo, 54 á de Ourense e 18 á de Pontevedra.
Para acceder ao documento de concesión das axudas prema aquí