A rede de bibliotecas da Xunta terá un novo servizo de formación online sobre o seu sistema de xestión

A Xunta de Galicia vén de poñer a disposición dos profesionais das bibliotecas galegas un servizo de formación online no uso do Sistema de Xestión Bibliotecaria Koha, coa intención de que poidan recibir a información de xeito autónomo a través de máis de 30 videotitoriais e material complementario para orientar o seu proceso de aprendizaxe e resolver dúbidas.

Os videotitoriais, de acceso gratuíto, están dispoñibles na web da Rede de Bibliotecas de Galicia e poderán acceder a ela as bibliotecas que contan con este Sistema, que ascenden a preto de 300 en toda Galicia. Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia continúa afondando na profesionalización e calidade das bibliotecas públicas. Este sistema de Xestión Bibliotecaria foi implantado en 2016 pola Consellería de Cultura Educación e Universidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Está baseado nun software libre de código aberto da plataforma Koha, que permitiu migrar os sistemas anteriores de xestión e integralos nun sistema de catálogo único de colección e de usuarios que teñen tamén un carné único válido para todas as bibliotecas públicas da rede que permite a unificación dos servizos.

Ademais, o catálogo colectivo da rede incorpora outro tipo de bibliotecas especializadas tales como a Biblioteca de Galicia, bibliotecas de museos e arquivos e de institucións de especial interese para Galicia como as bibliotecas de fundacións a da Real Academia Galega. Así, a día de hoxe empregan este sistema as seis bibliotecas públicas xestionadas pola Consellería de Cultura, 251 bibliotecas e axencias de lectura pública municipal e 22 bibliotecas especializadas.

INFORMACIÓN

As principais melloras que supón o uso deste programa de xestión bibliotecaria Koha van dirixidas principalmente ao usuario e tradúcense nunha maior eficacia do servizo e nun enriquecemento da información que ofrecen.

Koha está implantado en numerosas bibliotecas do mundo (dende pequenas bibliotecas ata grandes sistemas de bibliotecas universitarias e redes de bibliotecas públicas) e ten unha ampla comunidade de desenvolvemento de novas funcionalidades, aspecto básico nun entorno tecnolóxico altamente cambiante. Koha é, ademais, un software non só de xestión bibliotecaria, senón tamén de xestión de repositorios dixitais.