A Lei de impulso demográfico destinará 800 M€ anuais para facer de Galicia o mellor lugar para as familias
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia será a primeira autonomía en ter unha Lei de impulso demográfico, que destinará 800 millóns de euros anuais para facer da comunidade o mellor lugar para as familias.
Logo do Consello da Xunta, onde se aprobou o texto definitivo que será remitido ao Parlamento, Feijóo aseverou que esta lei é produto dun proceso de reflexión e diálogo, e suporá un marco para as iniciativas demográficas que o Goberno galego, as demais Administracións públicas e os axentes privados deberán seguir levando a cabo nesta década.
“Esta lei é máis necesaria que nunca”, dixo, en relación a que a sociedade galega “sabe que o primeiro problema estrutural de Galicia é o declive demográfico que levamos acumulando nos últimos corenta anos”.
Logo de incidir en que o obxectivo fundamental é que para todas as familias que queren ter fillos en Galicia, “iso non sexa un problema económico nin laboral”, o titular da Xunta precisou que a nova norma ordena e dá coherencia ás medidas de impulso demográfico que xa se están a poñer en práctica e as que se introducirán nos vindeiros anos.
“O conxunto de decisións docentes, sanitarias ou políticas sociais abranguen 800 millóns de euros ao ano”, dixo, facendo fincapé en que o texto afrontará a cuestión demográfica cun enfoque transversal e orientado ao longo prazo.
O presidente da Xunta aproveitou a rolda de prensa para agradecer a implicación de todas as persoas que, desde os diferentes ámbitos, contribuíron a enriquecer e achegar todos os prismas a esta lei: tanto desde os seus primeiros pasos no Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, como durante o intenso proceso de exposición pública, ao que se presentaron 336 alegacións das que se incorporaron á lei máis do 80%. E, nas últimas semanas, a través do ditame do Consello Económico e Social, que achegou as perspectivas das organizacións sindicais, empresariais, das universidades e dos demais axentes alí representados.
Así mesmo, pediu aos grupos políticos que demostren o mesmo diálogo e o mesmo consenso que amosou ao longo de todo o proceso a sociedade civil galega.
Feijóo concluíu que Galicia será, polo tanto, a primeira comunidade autónoma de España e unha das pioneiras en Europa que conta con marco legal onde as Administracións públicas, as empresas e a sociedade civil únense “para intentar diminuír o impacto do descenso demográfico”.
CONSENSO
Pola súa banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, explicou que nestes sete meses de tramitación, a lei enriqueceuse incorporando as diferentes recomendacións das entidades sociais, organizacións sindicais e empresarias, partidos políticos, universidades e de persoas a título individual. Coas súas achegas, sumáronse propostas como: a universalización da educación infantil de 0 a 3 anos, para a que o Goberno galego dará o primeiro paso o vindeiro 1 de abril coa gratuidade para os segundos fillos e sucesivos; así como a posibilidade de prórroga dun ano da Tarxeta Benvida para as familias en situación de especial vulnerabilidade, algo que xa é realidade este ano.
A conselleira tamén informou das alegacións que se tiveron en conta tralo período de exposición pública. Así, contémplase a creación dun Comité de ética dos servizos sociais de Galicia; a elaboración dunha Estratexia de prevención e a abordaxe integral da soidade non desexada, na que xa se está a traballar; ou a incorporación ao texto legal de programas de recuperación de vivendas baleiras.
Fabiola García tamén se referiu ás consideracións do Consello Económico e Social, coas que se modificaron 26 artigos dos 106 que a conforman. Nesta fase incorporáronse as seguintes novidades: fixar un prazo máximo dun ano desde a publicación da lei para elaborar a normativa necesaria que desenvolva e aplique os artigos; incorporar a diversidade como principio específico en materia de familia; estender a oferta de recursos de conciliación, inicialmente prevista para o verán, a todos os períodos non lectivos; incluír no funcionariado autonómico con dereito prioritario a flexibilidade horaria a aqueles que están a cargo de familiares enfermos, maiores ou con discapacidade