A futura Lei de arquitectura de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse nos últimos días con varios representantes do órgano colexial.

A Xunta e o Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña colaborarán co obxectivo de enriquecer e mellorar o anteproxecto da Lei de arquitectura de Galicia, actualmente en redacción tras someterse hai uns meses á fase de consultas previas.

Así o acordaron ambas partes durante a reunión mantida nos últimos días entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e unha representación do órgano colexial.

Neste sentido, cómpre lembrar que durante o período de consulta pública ao que se someteu a normativa, o Colexio de Delineantes foi un dos organismos que participou de forma máis activa no proceso, presentando as súas achegas e ideas ao documento. De feito, insistiron en que a futura lei suporá unha gran oportunidade para os titulados da súa rama profesional polo que queren contribuír a enriquecer o contido do texto.

Pola súa parte, a conselleira lembrou que con esta nova normativa se quere posicionar a arquitectura no ordenamento xurídico galego, dando resposta ao interese público e social que así o demanda co fin de que se integre nos plans, programas e proxectos que afectan ao medio construído.

Unha vez superada a fase de consulta pública previa, o texto da nova lei terá que elevarse ao Consello da Xunta para que autorice o inicio da súa tramitación e se someta a información pública, momento no que volverá remitirse ao Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña así como a outros colectivos para que poidan facer as súas suxestións.