A declaración de colleita de uva dos viticultores galegos acollidos a DO, máis sinxela
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se modifican anexos, prazos e normas procedimentais do Decreto que regula o potencial de produción vitícola de Galicia. As principais modificacións están orientadas a simplificar a declaración de colleita de uva dos viticultores galegos acollidos a denominacións de orixe (DO), ofrecendo a vía electrónica e a intermediación cos consellos reguladores en lugar dos trámites nas oficinas agrarias comarcais (OAC). A medida prevé beneficiar os máis de 10.000 viticultores das cinco denominacións de orixe do viño galegas, comezando polos 5.000 de Rías Baixas grazas ao proxecto piloto implementado con esta DO para testar este ano o software que facilita a tramitación.
En concreto, en virtude da orde que hoxe publica o DOG créase unha disposición adicional cuarta no Decreto que regula a colaboración dos consellos reguladores das denominacións de orixe na subministración de información sobre as declaracións de colleita de uva. Así, estas declaracións poderán efectualas directamente ditos consellos reguladores ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), previa autorización dos viticultores implicados. Nestes casos as persoas viticultoras entregarán a súa autorización á bodega ou bodegas que empreguen a súa uva no momento da entrega. As adegas, pola súa banda, deberán remitir ditas autorizacións ao consello regulador correspondente.
No caso de que a persoa viticultora se acolla a esta opción, o Consello Regulador en cuestión encargarase de recadar das adegas a información precisa de entregas de uva co obxecto de proceder á remisión e validación da colleita. Os viticultores, pola súa parte, recibirán un borrador desa validación ao que deberán dar conformidade nun prazo máximo de 10 días naturais.
Unha vez validada a colleita, os consellos reguladores subministrarán ao Fogga a información relativa á declaración de colleita dos viticultores que prestaran a súa conformidade, como data máxima o día 10 de decembro de cada ano. Así mesmo, porá en coñecemento desta entidade dependente da Consellería do Medio Rural o listado de persoas viticultoras que, de ser o caso, non outorgaron a súa autorización para a transmisión destes datos ou non deron a súa conformidade e as parcelas delas acollidas á súa DO.
Cabe engadir que, cada ano, os consellos reguladores das denominacións de orixe que vaian colaborar na subministración de información sobre as declaracións de colleita de uva deberán formalizar previamente un convenio de colaboración coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e co Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).
Enlace á orde no DOG