A apertura de novas canles, a dixitalización e o auxe da venda para o seu consumo fóra do establecemento perfílanse entre as estratexias a seguir no sector vitivinícola galego
A Xunta e o sector galego do viño traballarán conxuntamente para reorientar a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. Así, procurarase fortalecer a comercialización do produto, así como a súa internacionalización, para paliar a situación creada pola emerxencia sanitaria e, en especial, para reactivar a venda de viño afectada pola suspensión da canle da restauración e a hostalería e pola previsible diminución das exportacións.
Así o acordaron hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, e os presidentes e xerentes das denominacións de orixe (DO) dos viños galegos, que participaron nunha videoconferencia convocada pola Xunta e na que tamén estivo presente José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega. Esta última entidade é a encargada de desenvolver e aplicar a devandita estratexia, froito dun convenio de colaboración asinado en agosto de 2019 polos conselleiros de Economía, Emprego e Industria, de Cultura e Turismo, e do Medio Rural, xunto co presidente da citada Fundación.
Nesta xuntanza de traballo, o conselleiro trasladou o apoio da Xunta aos viticultores e adegueiros para incentivar, por un lado, o consumo dos viños galegos entre a poboación e para traballar, por outra banda, cara á vendima de 2020. En relación con isto último, José González dixo que Medio Rural insistirá en demandar ao Ministerio de Agricultura a necesidade de incrementar o esforzo no almacenamento de produto, para permitir que o aproveitamento dunha colleita para outra pase do 15 ao 30%. Trataríase, segundo explicou o conselleiro, de potenciar a comercialización do viño e de garantir que toda a colleita se vai recoller e que se vai vender ao prezo que corresponde.
POSICIÓN
Durante o encontro abordouse tamén, por parte do director da Fundación Juana de Vega, a análise da posición competitiva dos viños das denominacións galegas a partir dos datos do panel de retallista Nielsen. Así, partiuse da súa situación xusto antes da crise do Covid 19, facendo tamén unha estimación da súa incidencia no eido da comercialización, que está afectando especialmente ás adegas polo peche da canle de hostalería e restauración (Horeca), que concentra o 60% das vendas destes produtos en volume e o 65% en valor.
Nun contexto comercial relativamente estable, como o que había antes da crise do coronavirus, as cinco DO de viño de Galicia no seu conxunto viñan de comercializar no mercado español máis de 36 millóns de botellas, cunha facturación no comercio retallista que se situaba por riba dos 183 millóns de euros. Estes datos convertían a Galicia na terceira comunidade autónoma de España en termos de facturación vinícola no mercado nacional. Isto permitiu ás DO galegas manterse en postos de referencia en moitos segmentos e zonas de mercado a través dunha aposta maioritaria por competir nos segmentos de prezos medios e altos.
O peche da canle Horeca está pasando factura ao sector, xa que o seu efecto negativo non foi compensado polo incremento que se produciu na canle alimentación (hipermercados e supermercados), especialmente venda on-line. A apertura de novas canles -caso de Mercaproximidade, creada pola Xunta e da que os datos Nielsen xa empezan a mostrar o seu impacto positivo nas vendas dos viños das DO galegas-, a dixitalización e o auxe da venda off-premise (para o seu consumo fóra do establecemento) perfílanse entre as estratexias a seguir no sector vitivinícola galego para paliar os efectos do Covid 19 no mercado da hostalería, que supón a maior parte das vendas dos viños galegos con DO.
MERCAPROXIMIDADE
Neste contexto, o conselleiro fixo balance cos representantes do sector dos traballos que xa está a realizar o seu departamento para facilitar a comercialización do viño e dos demais produtos agroalimentarios galegos, malia as dificultades que presenta esta tarefa durante a emerxencia sanitaria. Así, lembrou a posta en marcha, dende o pasado día 15 de abril, de Mercaproximidade, unha canle impulsada pola Xunta co fin de axudar aos agricultores e gandeiros afectados polo peche da hostalería e a restauración, así como pola suspensión dos mercados locais ata este pasado luns.
Así mesmo, José González adiantou que, dende a posta en marcha desta nova fórmula de venda -na que tamén están incluídos viños das denominacións de orixe galegas-, máis de 450 produtores e industrias transformadoras de produtos agrarios adheríronse á rede. Deles, contabilízanse ata 83 adegas de viño e tres produtores de augardentes e licores. Esta canle conta tamén co apoio da maioría das empresas de distribución que operan en Galicia.