680.000 euros ó crédito para axudas á modernización de equipamentos nos portos e nas lonxas

Lonxa de Ribeira.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá á lonxa de Testal, en Noia, coincidindo coa publicación esta semana no Diario Oficial de Galicia da ampliación en preto de 680.000 euros do crédito destinado á convocatoria de 2020 das achegas para a modernización das instalacións portuarias, das lonxas e dos lugares de desembarque no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Este incremento súmase á cantidade inicial de 2,5 millóns de euros destinada para este fin na convocatoria publicada no DOG o 6 de febreiro, o que supón un importe total de máis de 3 millóns de euros.

Estes apoios para a modernización das instalacións portuarias, das lonxas e dos lugares de desembarque están dirixidos ás confrarías de pescadores e con eles impúlsanse proxectos de mellora da eficiencia enerxética, onde se enmarcan por exemplo, a modernización da iluminación interior con tecnoloxía led ou proxectos de aforro enerxético nas instalacións de frío, entre outros.

Tamén son obxecto de apoio as iniciativas de mellora da seguridade e condicións de traballo dos pescadores, entre eles os sistemas de varada de embarcacións, os guindastres para a descarga de produtos da pesca e casetas desmontables para vestiarios dos profesionais do marisqueo. Outros investimentos subvencionables son os relacionados coa mellora da calidade dos produtos desembarcados, como os contedores e equipos de limpeza para lonxa e os produtores de xeo.

Este tipo de equipamentos facilitan e melloran as condicións de traballo do sector e contribúen á mellora da súa competitividade. Ao mesmo tempo favorecen o desenvolvemento e a sustentabilidade da pesca costeira artesanal que realiza a súa actividade nas lonxas e portos de Galicia. Ademais estes equipamentos son importantes para as lonxas como a de Testal, que destaca pola súa aportación ao marisqueo de Galicia co berberecho como especie estrela.

ESCOLA OFICIAL NÁUTICO-PESQUEIRA DE RIBEIRA

Antes da visita á lonxa de Testal, a conselleira do Mar achegouse á Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, dependente da Consellería do Mar, e en ambos lugares a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. En Ribeira Rosa Quintana puxo de relevo o importante papel que xogan centros de formación coma este para facer fronte ao reto do relevo xeracional, pois deles sae man de obra para as empresas do sector. Ademais explicou que son centros dinamizadores da súa contorna debido á súa colaboración con entidades do seu eido de actuación.

De aí, sinalou, a importancia de que estes centros conten coas instalacións axeitadas como no caso da Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira, que dispón de aulas ordinarias e taller de artes e aparellos, seguridade, primeiros auxilios, electrónica, soldadura e motores, entre outras. Tamén conta con laboratorio e biblioteca, simuladores de navegación, pesca, comunicación, frío ou máquinas e outros máis recentes como salón de actos e aula de pesca sustentable.