56 centros educativos incorpóranse ao programa 'Club de Letras'
Un total de 56 centros escolares (a razón de 22 pola provincia da Coruña, sete pola de Lugo, outros sete pola de Ourense e 10 pola de Pontevedra) incorpóranse este ano ao programa Club de Letras, unha iniciativa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou por primeira vez no pasado curso co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas, tanto orais como escritas, do alumnado a través de distintas actividades que fomenten o debate, a reflexión e a lectura crítica.
O departamento educativo da Xunta de Galicia destina un total de 100.000 euros a esta convocatoria, e cada un dos centros recibirá unha achega económica de 1.000 euros para a posta en marcha do programa. Ademais dos 56 centros de nova incorporación nesta segunda convocatoria, dáse continuidade aos 30 que se incorporaron na convocatoria pioneira do ano pasado.
O club está formado por alumnado e profesorado e será coordinado por unha das persoas docentes participantes. As actividades que os centros deseñen no marco do Club de Letras desenvolveranse fóra do horario lectivo e o tempo dedicado a esta actividade deberá chegar a, polo menos, unha media de catro horas ao mes desde que se inicia o proxecto ata que finaliza o período lectivo do curso.
Este curso a temática xira en torno ao coidado, abordado desde unha perspectiva de responsabilidade e corresponsabilidade nas tarefas e nos labores necesarios para a atención das persoas que están a padecer unha situación de vulnerabilidade causada pola enfermidade, pola pobreza, pola soidade, pola dor, pola violencia de xénero, pola LGTBIfobia ou outras circunstancias. Esta vulnerabilidade mesmo puido producirse e/ou agravarse durante o período de confinamento vivido a raíz da pandemia da covid-19 e podería abordarse a temática do coidado neste contexto.
Os proxectos realizados sobre este tema poderán abordarse desde un punto de vista literario, artístico, filosófico ou histórico; e poderán centrar o seu foco de interese na actualidade, en anteriores etapas da historia ou conxugando ambos os dous enfoques.
O Club de Letras defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación. Neste marco o profesorado suxire diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan afondar, descubrir e coñecer novos eidos relacionados coas Humanidades, as Artes e as Ciencias Sociais. Fundaméntanse, polo tanto, nunha metodoloxía baseada no descubrimento, a indagación, o debate, a lectura reflexiva, a análise crítica, a creación e a aprendizaxe colaborativa.
No caso da educación primaria, a iniciativa achegarase a estes eidos do coñecemento fundamentalmente a través da escritura creativa, a exploración e creación artística, a lectura reflexiva e fomentando, de ser posible, unha achega lúdica e dinámica. Na educación secundaria e bacharelato procurarase unha visión transversal e interrelacionada das manifestacións literarias e artísticas, abordando perspectivas filosóficas e/ou históricas, así como a potenciación da capacidade creativa e de lectura reflexiva, coa finalidade de fomentar competencias de comprensión e de pensamento crítico do mundo actual.
Listado de centros
Provincia da Coruña:
A Coruña CEE Nosa Señora do Rosario A Coruña CEIP Alborada A Coruña IES A Sardiñeira A Coruña IES Plu Eusebio da Guarda A Coruña IES Ramón Menéndez Pidal A Pobra do Caramiñal CEP Pilar Maestú Sierra Ames CEIP de Barouta Arteixo IES Manuel Murguía Baio IES Maximino Romero de Lema Cee IES Agra de Raíces Dodro CPI Plu Eusebio Lorenzo Baleirón Ferrol CEIP Plu A Laxe Ferrol IES Sofía Casanova Moeche CEIP San Ramón Muros IES As Insuas Oleiros IES María Casares Padrón IES Camilo José Cela Ponteceso IES Eduardo Pondal Santiago de Compostela CEE A Barcia Santiago de Compostela CEIP Pío XII Santiago de Compostela IES Lamas de Abade Toques CEIP Plu de Toques
Provincia de Lugo:
Begonte CEIP Virxe do Corpiño Lugo IES Xoán Montes Monforte de Lemos IES A Pinguela Outeiro de Rei CEIP Laverde Ruiz Sarria IES Xograr Afonso Gómez Seoane do Courel CPI Poeta Uxío Novoneyra Vilalba IES Santiago Basanta Silva
Provincia de Ourense:
O Barco de Valdeorras IES Lauro Olmo Ourense CEIP Manuel Sueiro Ourense IES 12 de Outubro Ourense IES Ramón Otero Pedrayo Sarreaus CEIP de Sarreaus Xinzo de Limia IES Cidade de Antioquía Xunqueira de Ambía CEIP Padre Crespo
Provincia de Pontevedra:
Fornelos de Montes CEIP Doutor Suárez Lalín IES Laxeiro Moaña IES As Barxas O Rosal CPI Manuel Suárez Marquier Ponteareas CEIP Fermín Bouza Brey Ponteareas CEIP Nosa Señora dos Remedios Ponteareas IES do Barral Pontevedra CEIP de Vilaverde-Mourente Pontevedra IES A Xunqueira II Pontevedra IES Valle-Inclán Redondela CEIP de Laredo Redondela IES Pedro Floriani Salvaterra de Miño IES Salvaterra de Miño Silleda IES Plu Pintor Colmeiro Vigo IES Alexandre Bóveda Vigo IES Carlos Casares Vigo IES de Teis Vigo IES Valadares Vila de Cruces CEIP Plu de Cerdeiriñas Vila de Cruces IES Marco do Camballón