350 participantes no programa Xuventude Crea
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, subliñou hoxe o importante apoio que dá o Executivo autonómico ao talento e creatividade da mocidade galega. Díxoo na fase final de Arte Urbana do programa Xuventude Crea 2023, a primeira que se celebra desta edición e que contou entre o xurado coa referente internacional no graffiti: Lady Pink.
Fabiola García sinalou que o Xuventude Crea é un certame totalmente consolidado, xa que son 14 edicións estimulando e apoiando a imaxinación da xente moza de Galicia. Este ano danse cita neste programa preto de 350 participantes nas súas diferentes categorías: arte urbana, teatro, música, fotografía, artes plásticas, cociña, videocreación, banda deseñada, novela curta, poesía, danza moderna, deseño de xoias, moda e creación de videoxogos.
A conselleira destacou que este programa, polo que teñen pasado máis de 4.300 mozos desde a súa primeira edición, quere ser un trampolín para que os novos creadores amosen as súas propostas e tamén un escaparate para darse a coñecer entre o público.
Premiados
Á fase final de Arte Urbana celebrada esta mañá concorreron oito mozas e mozos. O primeiro premio foi para Miguel A. Cajaraville “Honey”, de Baiona, coa obra titulada O mundo é teu. En segundo lugar quedou Pedro Gonzalo “Base”, natural de Vigo, coa creación Geometric Space; e o terceiro posto recaeu en Jorge Riveiro “Rive”, tamén de Vigo, por O futuro é noso. A mención de honra foi para outro vigués, Abraham Alonso, por Kintsugi y a galope. A dotación económica de cada premio é de 3.000 euros para o primeiro clasificado, 1.500 euros para o segundo e 1.000 euros para o terceiro.