‘21 Días co galego e +’
A cuarta edición de 21 días co galego e + bota a andar coa finalidade de promover o uso do galego oral entre a xente nova. Este programa, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade conta coa participación de 3.845 persoas entre alumnado, docentes e persoal de administración e servizos. Unha cifra que aumenta respecto ao curso anterior.
Os centros participantes varían cada ano e, por primeira vez, superan a decena. No curso 2021-2022 o programa vaise desenvolver nos centros públicos integrados (CPI) de Atios (Valdoviño), Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), Manuel Suárez Marquier (O Rosal) e Virxe da Saleta (Cea); nos colexios plurilingües Esclavas Sagrado Corazón de Jesús (A Coruña) e Concepción Arenal (Ourense); e nos institutos David Buján (Cambre), Monte Castelo (Burela), Lucus Augusti (Lugo), de Meaño, Valadares (Vigo) e de Barro.
Na sesión de apertura, que tivo lugar hoxe ao longo da mañá en cada un dos centros participantes, proxectouse un vídeo no que interviñeron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a profesora e creadora da iniciativa, Pilar Ponte.
O representante da Xunta de Galicia quixo “felicitar e agradecerlles ao alumnado, ao profesorado, ao persoal da administración e servizos a tamén ás familias de cada un dos centros participantes que vos incorporásedes a esta experiencia marabillosa e moi produtiva que nos ensina que a vida en galego é posible e que ter unha lingua propia é unha riqueza que, como nos acaban de amosar as Tanxugueiras, non ten fronteiras”.
O secretario xeral de Política Lingüística tamén quixo resaltar que o programa, que arranca a súa cuarta edición, a segunda en pandemia, “continúa a súa expansión ata acadar por primeira vez os 12 centros inscritos e chegando a un número de participantes que xa alcanza os niveis anteriores á crise sanitaria”.
PROMOCIÓN
Baixo o lema Creando en galego no século XXI, o alumnado dos 12 centros participantes, comprendido entre os 8 e os 18 anos, comprométese a falar exclusivamente en galego durante as 24 horas do día ao longo de 21 días, é dicir, desde hoxe ata o 21 deste mes. Disto quedará constancia no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte web da iniciativa onde aparecerán as diferentes creacións dos centros, que deberán seguir e actualizar cada día e no que, unha vez á semana, o alumnado deberá demostrar como supera en grupo os novos retos que se lle indiquen.
Ademais, e continuando co iniciado a edición pasada, 21 días co galego e + contará coas colaboracións externas. Unha delas será a de Galicia por Diante da Radio Galega, onde terá unha sección diaria de luns a venres durante estas tres semanas na que os centros lle contarán á audiencia os temas que trataron e como está a ser a súa participación. Outra das colaboracións establécese co programa Dígocho eu! da TVG, que terá encontros co alumnado dos 12 centros educativos participantes. Pola súa banda, o alumnado realizará vídeos propios co formato característico do Dígocho eu!.
21 días co galego e + é un programa promovido polo Goberno galego, que ten como finalidade promover o uso do galego oral entre a xente nova, dentro e fóra dos centros de ensino, no marco do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade. Esta iniciativa de dinamización lingüística permite que o alumnado fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas e que, alén diso, analice a súa relación coas linguas que coñece, e máis concretamente coa nosa, para ver cal é o lugar que ocupa ou pode ocupar na súa vida.
Ten a súa orixe en 21 días co galego, unha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da Xunta e en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega, así como o Premio da Cultura Galega 2019. Desde o ano 2019 foi asumido pola Xunta, que inicialmente o desenvolveu en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas.