1,8 millóns de euros se destinarán aos seis parques naturais galegos
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio convocará ao longo de 2020 diferente liñas de axudas por un importe global de case 5,3 millóns de euros para levar a cabo actuacións de conservación nos espazos naturais de Galicia.
Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que hoxe visitou os traballos realizados no lugar de Casalnovo, en Ribeira, grazas a unha axuda de convocatorias anteriores, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.
Ángeles Vázquez explicou que destes incentivos para a conservación e o desenvolvemento sostible da rede de espazos protexidos, un total de 1,8 millóns de euros se destinarán aos seis parques naturais e para o Parque Nacional e 1,5 millóns de euros en actuacións en ámbitos da Rede Natura.
Os grandes obxectivos deste tipo de axudas son conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sostible dos recursos naturais, e mellorar a calidade de vida da poboación rural, a través da prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco de pobreza.
Nese sentido, as actuacións que poderán ser obxecto destas subvención son a mellora da paisaxe agraria e do desenvolvemento de usos recreativos, como a construción de cercas, sebes ou a restauración de muros; a sinalización de camiños e a creación de roteiros, equipamentos de información e interpretación; ou accións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais da paisaxe agraria tradicional, como hórreos, miradoiros, cabanas, valados, fontes...
Como exemplo da finalidade das axudas que convocará a Consellería de Medio Ambiente, puxo en valor as visitadas esta mañá, que permitiron a rehabilitación da cuberta dun alpendre tradicional, e que obtivo unha axuda de 12.000 euros, e o peche da parcela cun acabado tradicional, para o que a Xunta tamén achegou outros 12.000 euros.
Por último, salientou que nas dúas últimas convocatorias permitiron subvencionar 85 actuacións promovidas polos concellos, por empresas e por particulares de titulares de terreos forestais ou agrícolas e asociacións, que suman un importe de máis dun millón de euros.