Xela Arias, conversas aplazadas
Mergúllate na obra de Xela Arias e comezarás a presentir.
No espello contemplamos a outro que nos fai nós, unha copia de quen somos. Vémonos atrapados como pola luz dun poema, coma nun transmundo, ao igual que nos referenciamos na sociedade. O contraste e a distancia sitúannos.
O ser humano percíbese fisicamente e, dominado por esa certa maxia na que se afasta de si, séntese competente para crear o seu propio mito. Somos a única especie capaz de pensarse. Mostrámonos como un animal que ousa describirse e que aspira a ser inmortal.
Desde a súa perspectiva, o autor, e falo de min mesmo, empéñase en meditar a achega do que pode ocorrer na distancia desocupada entre un organismo e o seu reflexo, entre o lector e a escritura. Antes de someterse ás orientacións do Speculum Majus (Espello Maior) de Vincent de Beauvais, unha gran compilación da Idade Media, de acomodarse nas teorías de Lacan —stade du miroir— ou de deixarse levar pola imaxinación de Lewis Carroll ou por un verso de Xela Arias.
Indo máis alá dos límites da natureza, a persoa opta por situarse na microfracción na que o espazo/tempo parece non existir, na estreita marxe que discorre entre as sombras e a súa causa; no traxecto entre a nada —o baleiro— e unha idea ou sensación, un conto, unha cor, unha onda, un poema, a creación do mundo coñecido; na separación dos seus semellantes ou na ideación dun corpo. E cando o autor parece desorientado entre cero e infinito o lector acha alivio nas pequenas cousas.
Non nos atopamos ante unha obra sobre espellos, accedemos a unha reflexión íntima para humanos conscientes do seu ser, sen que importen a idade ou o xénero.
O enigma máis sobresaliente terá que desvelarse na xusta distancia entre o que cada un dos seres asimila como vida ou morte, ideación, intención ou poema. O narrador vai redescubrir e ficcionar algo que pasara desapercibido.
Na miña perspectiva, a escrita de Xela Arias é fractal, de obrigada lectura lenta e provocativa, crecente, quizais porque nos fai comprender de súpeto o que semellaba hermético.
É seguro que a súas páxinas serán relidas abríndoas ao azar. Entre a palabra inicial e a última non hai distancias e, con todo, sepáraas a explicación da existencia. As vivencias, os mitos e os tempos mestúranse nunha memoria breve, relucinte.
As explicacións escritas son inadecuadas na súa limitación. Aínda que coñecemos que case todo foi dito, confiamos en que albergue un ditame inédito e clarificador, un algo que nos conservará expectantes sobre o que, na conclusión do proceso, nos distinga como especie e poida facernos imperecedoiros. A solución disimúlase entre cousas e haberá de asombrarnos pola súa naturalidade.
Enfilamos unha dirección fortuíta. Atinamos con determinadas explicacións, mais incluso os estilos da fala ou da escritura impoñen banais pasatempos. Por iso na nosa relación é substancial acordar certas disposicións. Por exemplo, non recorrer a feitos triviais. Caemos en inexactitudes, vémonos condicionados a distintas obxectividades, complementarias, paralelas ou non. A percepción é distinta para cada persoa dependendo das circunstancias.
Cada quen escudriña a súa opinión cos seus criterios e subxectividades, pero son eles, os autores trascendentes como Xela Arias, os que nos perciben, reflicten, auxilian, memorizan e os que deberán evocarnos ou esquecernos no futuro. Eles, os outros, fan gratas as xornadas triviais e as pandémicas.
Para comezar un relato plausible, deberiamos rematar coas cavilacións estrambóticas, esquivar postulados vans. Hai que celebrar o Día das Letras Galegas 2021. É certo, nesta pandemia incúmbenos optar por unha estratexia vital, o máis efectivo será dar cos remedios para cada día. Non máis. Sexamos alegres e serios, nunca estritos.
Eu quedarei con Xela Arias para tomar outros poemas, temos conversas aprazadas.
Alberto Barciela
Xornalista