Os nutricionistas do Sergas atenderon a preto de 80.000 galegos durante a primeira metade do ano 2023

O titular da carteira sanitaria galega puxo en valor o bo funcionamento do programa de fomento de estilos de vida saudables da Xunta, o “Plan Obesidade Zero”, que desde a súa posta en marcha xa permitiu crear a Rede Galega Local de Promoción da Saúde; ou o programa Adestra a túa saúde, cuxa pilotaxe xa esta conectando os centros de atención primaria co persoal promotor de exercicio dos concellos galegos.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta tarde no I Foro de Nutrición de Galicia, un encontro no que destacou as máis de 80.000 consultas realizadas no que vai de ano, polos 91 especialistas en Nutrición que o Sergas incorporou aos seus servizos de Atención Primaria.

A Consellería de Sanidade acolleu un acto no que se presentou o novo Protocolo de coordinación desta especialidade, o permitirá a comunicación directa entre os centros de atención primaria, as consultas de endocrinoloxía dos hospitais, e a Rede de Unidade de Apoio Nutricional.

“Este modelo permitirá a apertura dunha vía de comunicación directa entre os servizos de endocrinoloxía das sete áreas sanitarias, e as unidades de nutrición de atención primaria”, explicou García Comesaña, ao tempo que subliñou que este traballo colaborativo “aumentará a capacidade de resolución” dos servizos de endocrinoloxía, en ambos niveis asistenciais.

Na compaña da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, o conselleiro agradeceu o labor que desempeñan a diario os novos nutricionistas e os servizos de endocrinoloxía da rede sanitaria pública galega. Así, destacou que a súa incorporación xa esta a amosar os seus efectos positivos no sistema público de saúde.

Así mesmo, o titular da carteira sanitaria galega puxo en valor o bo funcionamento do programa de fomento de estilos de vida saudables da Xunta, o “Plan Obesidade Zero”, que desde a súa posta en marcha xa permitiu crear a Rede Galega Local de Promoción da Saúde; ou o programa Adestra a túa saúde, cuxa pilotaxe xa esta conectando os centros de atención primaria co persoal promotor de exercicio dos concellos galegos.

Nesta liña, tamén lembrou a importancia de outras iniciativas pioneiras no eido da dietética e a nutrición, como é o caso do Proxecto Nutriescolas, e co que a Xunta apostou por levar unha boa alimentación aos comedores dos centros educativos galegos.

“A nutrición eríxese como unha aposta de futuro por conseguir unha Galicia máis saudable”, apuntou García Comesaña, ao tempo que convidou á poboación galega a levar un modelo de vida saudable no que a alimentación sá se conxugue coa realización dalgunha actividade física, de xeito regular.

Toda a poboación con acceso ás unidades de nutrición de Primaria

Os preto de 100 nutricionistas que incorporou a Xunta de Galicia nos centros de saúde a inicios deste ano permiten ofrecer este novo servizo a toda a poboación da nosa comunidade, independentemente do seu lugar de residencia.

Actualmente, os médicos de familia, pediatras, enfermeiras, matronas e odontólogos de atención primaria xa poden derivar directamente a esta nova unidade a calquera paciente con obesidade, hipertensión, diabetes, dislipemia, insuficiencia renal crónica, ou que padeza algunha enfermidade dixestiva, risco de desnutrición, alerxias alimentarias diagnosticada, ou, tamén, a calquera muller embarazada que necesite tratamento dietético.