Antonio Valín, bispo da diocese de Tui-Vigo: “Non podemos esquecer que a Igrexa non é so cousa humana, senón de Deus e o seu Espírito”

O bispo da diocese de Tui-Vigo, Antonio Valín, na casa reitoral de Salvaterra ayer domingo.
O Papa Francisco nomeou a Antonio José Valín como novo bispo de Tui-Vigo. O novo pastor diocesano busca fortalecer os lazos entre a Igrexa e a comunidade, revitalizando a vida cristiá dos fieis e atendendo as necesidades sociais, especialmente dos máis vulnerables.

O Papa Francisco nomeou este verán bispo de Tui-Vigo o sacerdote Antonio José Valín Valdés, que ata ese momento era vicario xeral da diocese de Mondoñedo-Ferrol. Naceu en Ribadeo o 24 de febreiro de 1968 e foi ordenado sacerdote na catedral de Mondoñedo o 14 de marzo de 1993.

Valín Valdés desenvolveu o seu ministerio sacerdotal principalmente na diocese de Mondoñedo-Ferrol onde desempeñou distintos cargos: formador e profesor do seminario de Mondoñedo (1992-1999) e reitor do seminario menor de Mondoñedo. A súa actividade pastoral comezou na parroquia de Santa María A Maior de San Sadurniño, onde exerceu como párroco entre 1999 e 2001. A continuación foi nomeado párroco de Santiago de Foz e outras parroquias da zona, de 2012 a 2019.  Foi administrador diocesano e cóengo da catedral de Mondoñedo.

DL-G entrevístao en Salvaterra, antes da súa presenza en Tortoreos, As Neves. O bispo vén só conducindo o seu propio coche. É recibido polo párroco de San Lourenzo de Salvaterra e Santiago de Tortoreos, Sergio Gómez. A entrevista transcorre na casa reitoral de Salvaterra.

 

As campás de Tortoreos

Comezamos coa valoración do bispo sobre as novas campás que se colocaron en Santiago de Tortoreos e que hoxe bendicirá.

Nos tempos actuais, é fundamental comprender a importancia das campás, aínda que algunha xente as poida pasar por alto, explica Antonio Valín. No mundo rural, o repicar das campás marca o ritmo da vida, anunciando momentos transcendentes, como a celebración da eucaristía ou os enterros, que en Galicia teñen un significado especial. “Os veciños, cun gran sentido de comunidade, asumiron o esforzo de sufragar os gastos das novas campás, como mostra da súa unión e compromiso coa súa comunidade". O bispo, por este feito, desprazarase esta mañá de domingo a Tortoreos para bendicir as campás e celebrar a santa misa. Como el mesmo afirma: "A comunidade é a parroquia, e a parroquia é da comunidade".

Na igrexia de Santiago de Tortoreos o bispo cos feligreses trala ceremonia.

 

Este curso, coñecer a realidade da diocese

 

O obxectivo do novo bispo, Antonio José Valín Valdés, neste curso 24/25, é coñecer a realidade, as persoas e a vida da igrexa na diocese de Tui-Vigo, así como a vida social. “Aínda me estou adaptando, xa que a diocese é moi extensa e conta cun gran número de parroquias. Gústame visitar as parroquias sen avisar para coñecelas mellor e para establecer un contacto máis próximo cos fieis”. O bispo considera que moitas realidades poden ser similares ás da súa anterior diocese, aínda que esta de Tui-Vigo ten un carácter máis urbano.

 

A dimensión eucarística da diocese

 

Creo que todas as dioceses teñen unha dimensión eucarística. A presenza da eucaristía é amplísima, porque significa celebración. Logo, por outra banda, están os grupos diocesanos de adoración eucarística...Claro que a eucaristía é algo moi importante. Nas parroquias todo xira arredor da participación na eucaristía. Poderiamos dicir que Tui-Vigo ten unha forte presenza eucarística.

 

Traballo cos necesitados

 

“A realidade de Cáritas é moi semellante á de toda Galicia. Temos xente que dorme na rúa, a realidade da emigración, onde moitos veñen sen traballo e sen ningún papel; outro sector é o do mar, onde hai moitos migrantes que traballan alí; a falta de traballo coas dificultades de acceso a unha vivenda...Outra realidade é que temos moita xente maior e moito sós, e faltos de relacións humanas e aí tamén ten que estar Cáritas. Na diocese hai tamén a realidade dos presos nos cárceres”.

Antonio Valín, bispo de Tui-Vigo: "O traballo que ten Cáritas na nosa diocese, coma en Galicia, eu atreveríame a dicir en toda España, é ímprobo e apaixonante"

 

Por iso "a realidade de Cáritas é moi ampla. Require moita atención". Explica que non só é esa imaxe que temos de compartir alimentos, pagar un piso, a luz, a auga... “Cáritas ten o deber de acompañamento ás persoas, velar pola súa dignidade para que poida ter un traballo...O traballo que ten Cáritas na nosa diocese, coma en Galicia, eu atreveríame a dicir en toda España, é ímprobo e apaixonante".

Sobre o Papa Francisco: "A cabeza tena moi lúcida e, como dixo, a Igrexa gobérnase con ela..."

Antonio Valín insiste en que hai que cambiar o chip. "Cáritas non son unhas persoas que piden na igrexa...que o son, pero é mais...Esta realidade no pode ser allea a ningún fiel cristián...está presente nas nosas parroquias e como igrexa non podemos ser indiferentes, temos que recoñecela e acompañar esas persoas".

 

Achegar a xuventude á igrexa

“Hai un descoñecemento, non só da igrexa, senón de Xexús e o seu Evanxeo. Isto tamén debe interpelarnos aos cristiáns: o traballo feito e traballo que estamos a facer. Esta realidade non é de agora...xa leva un tempo dándose. Non sei cal é a receita...pero eu estou convencido de que hai algo que segue atraendo na figura e a mensaxe de Xesús. Quizais é aquí onde temos que facer moitísimo fincapé. Non só nos xoves, senón tamén nos adultos máis novos. Todos necesitamos volver á figura de Xesús. Volver ao Evanxeo para coñecelo e estar atentos ao que el di. Aquí é onde podemos enganchar cos mozos e coas persoas porque a mensaxe de Xesús segue a ser actual e cun peso grande. Os católicos temos que presentar a figura de Xesús e a súa palabra, o que el fixo, dixo e mandou. Xa de por si, o Evanxeo é atractivo como para captar a atención”. Ademais imos explicar as cousas, e todos temos que seguir formándonos no campo relixioso continuamente. Coma na vida profesional.

“Cáritas ten o deber de acompañamento ás persoas, velar pola súa dignidade para que poida ter un traballo..."

A presenza da relixión na educación

“É un tema chave –afirma o bispo-, porque falar de educación é falar de futuro. A educación pon nas nosas mans nenos, adolescentes...xoves...o cal é moi serio. Na diocese temos unha base importante de colexios concertados onde se transmiten valores cristiáns porque, algúns son colexios concertados católicos. No sector público de ensino hai unha presenza importante da relixión e, doutra parte, está a formación catequética que se imparte nas parroquias. Todo isto ten que camiñar ao unísono para presentar a figura de Xesús, a súa proposta e o vivir en Igrexa”.

O bispo de Tui e Vigo: "Os católicos temos que presentar a figura de Xesús e a súa palabra, o que el fixo, dixo e mandou".

Relación co Papa Francisco

“Estiven con el cando tivemos un curso de novos bispos de todo o mundo. Eramos 153.Foi unha longa audiencia co Papa que nos recibiu sen présa e sen tempo límite. Aquilo durou, creo recordar, dúas horas, e logo o saúdo persoal. Aquel día Francisco non traía ningún guión. Púxose á nosa disposición para que lle preguntásemos, comentásemos...e incluso para compartir experiencias...dos que estabamos alí. Eu vin o Papa ben. Acababa de chegar daquela viaxe por Timor Oriental. Entrou camiñando na Aula Paulo VI e sentou para falar con nós. A súa cabeza é formidable. Foi un encontro moi familiar...A súa maneira de presentalo...preguntas-resposta...A cabeza tena moi lúcida e, como dixo, a Igrexa gobérnase con ela...e o que nos falou  foron cousas moi interesantes".

 

A Europa cristiá, está en decadencia?

Con 18 anos ingresou no Seminario Maior e "empezei a tomar en serio a posibilidade de ser sacerdote".

 

“Non é decadencia. Estamos nun cambio. O Papa Francisco di: "non estamos vivindo simplemente unha época de cambios, senón un cambio de época". Eu tamén  estou de acordo con isto. A sociedade é un pouco desconcertante. Todo aquilo ao que nos agarrabamos agora semella que se pon todo en tea de xuízo. Eu estou convencido de que nese cambio de época imos ter que ir descubrindo como ser mellor igrexa, en grupos máis pequenos, facendo unha acollida moito máis ampla...É certo que as nosas comunidades están a cambiar por feitos como a emigración...que temos que acoller, compartir e incorporar...Isto dálle outro aire e calidade ás nosas comunidades. Eu non diría que estamos en decadencia, senón nun intre de cambio. Isto significa que temos que estar abertos a novos camiños porque as mentalidades van cambiando e as culturas son distintas. Porque temos que evanxelizar unha cultura moi concreta. Como vai ser o futuro? Ninguén o sabe. Pero o que non podemos esquecer é que a Igrexa non é só cousa humana. Se alguén ten interese en que a Igrexa siga é Deus e o seu Espírito. Dicía o papa Benedicto XVI que posiblemente o futuro da Igrexa sexa de comunidades máis pequenas, pero de persoas que non vivan unha relixión sociolóxica..., senón do evanxeo con máis calidade”.

 

A súa vocación

Antonio Valín empezou a barruntar a súa vocación cando estaba no instituto de Mondoñedo. Non pasou polo seminario menor e con 18 anos ingresou no Maior e "empezei a tomar en serio a posibilidade de ser sacerdote". Confesa que, antes do ingreso, deulle moitas voltas á chamada do Señor. "Con moitas dúbidas", precisa. Pero cando entrou no seminario "Díxenme, isto é o meu". O seus pais apoiárono "aínda que non contaban con esa decisión, como moitos amigos que hoxe aínda non a entenderon", di divertido.