Unha trintena de artistas exporán en 2021 o seu traballo en dotacións culturais de España, Bélxica e Portugal, grazas ao apoio da Xunta

A medida, que conta cun orzamento de 200.000€, inclúese no Plan de reactivación dos sectores culturais dotado con 26,4M€ para paliar o impacto da covid.

Unha trintena de artistas exporán este ano o seu traballo en dotacións culturais de España, Bélxica e Portugal grazas ás axudas impulsadas pola Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a creación, a produción ou a investigación con fins expositivos no ámbito das artes plásticas ou visuais. Trátase dunha liña de subvencións lanzada polo Goberno galego mediante unha achega de 200.000 euros co fin de colaborar e apoiar aos artistas no actual contexto da crise sanitaria e fomentar a difusión da arte e da labor creativa dos artistas galegos.

Así a convocatoria orientada a crear unha canle de apoio ás actividades do sector privado na área das artes plásticas e visuais inclúe dúas modalidades de participación. Por unha banda, as persoas que conten cun proxecto de creación e produción de obra artística cun fin expositivo reciben ata un máximo de 7.000€, mentres que as investigacións con base e fundamento artístico, histórico ou arqueolóxico poden recibir ata 5.000 euros.

Os beneficiarios, que exporán o seu traballo en centros de Galicia, País Vasco, Comunidade Valenciana, Cataluña, Castela a Mancha, Madrid, Bélxica e Portugal, contarán con esta axuda para cubrir os gastos de produción directos ocasionados pola montaxe e exhibición do proxecto, así como de dedicación á actividade plástica e intelectual.

ARTES PLÁSTICAS

Estas axudas enmárcanse no Plan de reactivación dos sectores culturais que, dotado con 26,4M€, establece unha folla de ruta coa que paliar o impacto inmediato da crise sanitaria. Trátase dunha folla de ruta con medidas para o conxunto do sector, do que xa se executaron ou están en marcha o 95%, e que está permitindo apoiar a moitos profesionais e industrias da cultura dun momento de gran dificultade.

Ademais, no caso concreto das artes plásticas, o apoio do Goberno galego supera os 600.000€ mediante unha batería de medidas que inclúe, ademais das axudas a creadores visuais, tanto artistas como comisarios, unha nova edición do Encontro de Artistas Novos (EAN), esta vez centrada unicamente en artistas galegos, medidas de apoio ás galerías de arte ou a creación da nova Colección de Arte CGAC-Xacobeo coa que a Xunta enriquece e complementa a colección do CGAC con fondos de artistas galegos.