Un acordo entre Concello e Diócese servirá para conservar o patrimonio cultural da Igrexa en Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o bispo, Luis Quinteiro, trala signatura do acordo.

O alcalde, Abel Caballero, e o bispo, Luis Quinteiro, firmaron este luns o acordo marco de colaboración entre o Concello e a Diocese Tui-Vigo “para contribuír ao mantemento, conservación, restauración, difusión e divulgación” do patrimonio cultural de titularidade eclesiástica en Vigo.

En declaracións posteriores, Caballero explicou que a institución relixiosa “ten en Vigo un importantísimo patrimonio histórico e cultural e nós non queremos de ningún modo que se deteriore, e é certo que a capacidade da propia Igrexa para o seu mantemento é limitada, e polo tanto imos contribuír na conservación e restauración”. O alcalde puxo como exemplo “atrios de igrexas mal conservados cun extraordinario valor cultural e histórico, moitísimas”, sobre as que o goberno vigués xa tivo que actuar en ocasións anteriores.

O Concello polo tanto financiará actuacións de conservación e restauración de bens e programará actividades culturais para fomentar o coñecemento do patrimonio. Ao efecto, segundo detallou o alcalde, as partes conformarán unha comisión de seguimento que avaliará as propostas, que requirirán dun convenio específico para levalas adiante.

Ademais, a diocese de Tui-Vigo cederá aos espazos públicos convenientes para a relación de actividades de carácter participativo e cultural que contribúan á difusión do patrimonio. Estas accións non deben interferir cos actos relixiosos.

O acordo prolóngase por tres anos e o Concello compromete un investimento municipal máximo -en función do crédito dispoñible na partida- de 150.000 euros este ano e de 175.000 euros no proxecto orzamentario que tramita a administración local para 2021.

ERMIDA DA GUÍA

Á marxe deste convenio, tal e como comunicou, sitúase o proxecto que promove o Concello e a Deputación para colocar unha figura do Sagrado Corazón de cinco metros de alto sobre a torre da ermida do monte da Guía, completando o seu deseño orixinal tal e como foi proxectado polo arquitecto, Manuel Gómez Román, hai máis de medio século.

“Imos concluír esa obra tan importante dun arquitecto insigne, Gómez Román”, asegurou o alcalde, quen calculou que antes de que remate este 2020 “probablemente” estará instalada a figura, unha copia do deseño orixinal que ultima a Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.

A ermida foi inaugurada en 1951 e substituíu á anterior, que databa do século XVI e se atopaba en mal estado. Descoñécese con certeza o motivo polo que non se finalizou o proxecto arquitectónico orixinal, mais se especulaba con motivos de tipo económico ou con que a torre non soportaría o peso da figura. “Os cálculos que fixeron na Escola de Cantería da Deputación”, indicou Abel Caballero, “contradino completamente, a torre aguanta perfectamente as case sete toneladas que pesa a imaxe, e polo tanto sospeitamos que foron razóns de custe económico, para tratar de abaratar a obra”.