Plan de Pastos, 11 actuacións en pasteiros de Lugo

Os labores nos pasteiros prevén desenvolverse nun total de 2.250 hectáreas cun investimento global de 9,5 millóns de euros no conxunto de Galicia.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou este mércores un pasteiro acondicionado pola Xunta dentro do plan de pastos no municipio lugués de Navia de Suarna.

Nesta visita, o titular de Medio Rural destacou que xa se está a actuar na segunda fase deste plan, que recolle, no total galego, traballos en 30 montes veciñais de 24 municipios diferentes, cun investimento programado de preto de 4 millóns de euros e unha superficie de 744 hectáreas. Dentro desta fase, na provincia luguesa faranse 11 pasteiros, pertencentes a sete concellos, que abranguen un territorio de 172 hectáreas e suporán unha achega de 732.000 euros.

Neste contexto, o conselleiro trasladou que o plan de pastos é unha medida complementaria do plan de prevención de incendios forestais impulsado polo Goberno galego, que suporá un investimento de preto de 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de terreo e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación.

NAVIA DE SUARNA

En relación cos pasteiros, José González salientou que só no municipio de Navia de Suarna hai ata tres diferentes. Un deles -o visitado hoxe no lugar de Embernallas- xa está rematado, con actuacións en case 10 hectáreas que corresponden á primeira fase do plan de pastos. Ademais, atópanse en proxecto outros dous, dentro da segunda fase da planificación, nas parroquias de Muñís e Moia. En conxunto, neste concello da montaña luguesa vaise actuar en preto de 33 hectáreas de superficie, cun investimento de máis de 130.000 euros.

Nesta liña, o conselleiro sinalou que a primeira fase, xa completada, do devandito plan de pastos supuxo a posta en valor de 560 hectáreas en toda Galicia, correspondentes a 14 montes veciñais doutros tantos municipios, cunha achega por parte da Xunta de 2,3 millóns de euros. Deles, máis de 250.000 euros investíronse na provincia de Lugo, na que se acondicionaron pasteiros -ademais de en Navia de Suarna- nos concellos de Samos, Sarria e Láncara, con traballos que abrangueron case 74 hectáreas en total.

Como resumo, o conselleiro sinalou que o plan de pastos recolle ata catro fases de execución, coas que está previsto actuar nunha superficie aproximada de 2.250 hectáreas en toda a comunidade autónoma, cun investimento total de arredor de 9,5 millóns de euros.

BASE TERRITORIAL

O obxectivo destes labores, segundo resaltou José González, é promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural. Trátase, tamén, de anticiparse aos incendios forestais. Para iso, nos pasteiros lévanse a cabo labores de roza, sementados, pistas, peches, mangas de manexo do gando, comedeiros ou bebedeiros e pasos canadenses.

Todo isto, indicou o conselleiro, beneficia os titulares das explotacións co acondicionamento das parcelas, coa devandita ampliación da súa base territorial e co cumprimento de todas as determinacións en materia de benestar, seguridade e saúde animal.

Por último, José González amosou a súa confianza en seguir avanzando na loita contra o abandono e na anticipación aos lumes con plans como este de pastos e “co amparo legal que nos ofrecerá a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite parlamentario”.