domingo. 24.11.2024

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Iniciativa da Administración da “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) polo seu proxecto ‘Quantum Computing’ destinado a colocar a Galicia como un referente internacional en tecnoloxías cuánticas en 2030, accedendo a un mercado internacional de alto valor estratéxico e económico.

Mauro Fernández Dabouza, director xerente do CESGA.

A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

As tecnoloxías cuánticas baséanse nas leis da mecánica cuántica, é dicir, a rama da física que estuda a materia a escalas moi pequenas, así como as interaccións entre estas partículas atómicas e subatómicas. Estas tecnoloxías, en fase incipiente a nivel mundial, permiten aplicacións en numerosos ámbitos como a medicina, o medio ambiente, a biotecnoloxía, a aeronáutica, a automoción, a loxística, as telecomunicacións ou as finanzas.

Os expertos considéranas o elemento tecnolóxico “disruptivo” que acelerará o desenvolvemento económico e social en practicamente todos os ámbitos, cun impacto maior que o que tivo a computación clásica nas últimas décadas, e con este fin a comunidade internacional está a realizar un importante esforzo inversor.

Estados Unidos e China están inmersos nunha auténtica “carreira cuántica” como clave da  súa estratexia internacional. Pola súa parte, a Unión Europea participa nesta carreira mediante a activación dun programa de investimentos específico -“Quantum Flagship”- cun orzamento inicial de mil douscentos millóns de euros.

 Adicionalmente, algúns países europeos definiron os seus plans estratéxicos asignando os seus propios orzamentos, como Francia, cun investimento mínimo previsto de mil catrocentos millóns de euros, e Alemaña, con ao menos mil oitocentos millóns. 

 O volume de negocio global estimado para os próximos anos supera os nove mil millóns de dólares para 2021 e os trinta e un mil no 2026. Más alá desta data as estimacións dispáranse ata os cen mil millóns de dólares.

En España déronse os primeiros pasos cara unha “Estrategia Nacional de Tecnologías Cuánticas” e nas comunidades autónomas están a definirse proxectos e plans propios entre os que destacan, ademais do de Galicia, os de Madrid, País Vasco e Cataluña.

a Unión Europea participa nesta carreira mediante a activación dun programa de investimentos específico -“Quantum Flagship”- cun orzamento inicial de mil douscentos millóns de euros.

A iniciativa ‘Quantum Computing’ da nosa comunidade está baseada en dúas premisas: deseñar e producir tecnoloxía propia en Europa para asegurar a soberanía tecnolóxica, e desenvolver negocio internacional para garantir a sustentabilidade económica a medio prazo.

O Polo nace co obxectivo ambicioso de colocar a Galicia como un referente internacional nas tecnoloxías cuánticas no 2030, o que requirirá un esforzo sostido no tempo, coherente e coordinado co resto de España e Europa. Isto permitiría a Galicia participar activamente no desenvolvemento desta industria a nivel europeo e acceder a un mercado internacional estimado en miles de millóns de euros. 

Segundo destaca Mauro Fernández Dabouza, director xerente do CESGA, “o Centro de Supercomputación de Galicia, centro mixto da Xunta de Galicia e do Consello Superior de Investigacións Científicas, será o nodo principal do Polo de Tecnoloxías Cuánticas que ten por obxectivo crear en Galicia un espazo para o desenvolvemento de software cuántico e para dar un impulso ao I+D+i neste ámbito. Esta iniciativa forma parte da candidatura aos fondos Next Generation cun importe de 154 millóns de euros, o centro principal estará en Santiago de Compostela e estará ao servizo dos centros de investigación e das empresas.”

O proxecto tería un claro impacto social, ao potenciar notablemente o valor do tecido industrial galego e especialmente o dalgunhas das súas principais empresas. Requirirá un importante investimento nesta década, a través de fondos nacionais e europeos, que permita crear una base sólida de capacidades en tecnoloxías cuánticas. Con este fin se activarán programas de apoio ao mundo académico, aos centros de investigación, tecnolóxicos e entidades singulares, así como ás empresas e á sociedade.

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) recibe do CPEIG o Premio Iniciativa da...