Modelo de autogoberno galego integrador
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe o modelo de autogoberno galego integrador, feito por todos e baseado na autonomía afectiva e efectiva, e que inspirou a todos os presidentes da Comunidade. “Un modelo que inspirou a nosa forma de gobernar e ese europeísmo que compartimos dentro dunha España da que nos sentimos orgulloso, desde a Transición ata agora”, dixo, incidindo en que grazas a el sabemos o que somos, o que nos falta e como nos ven.
Durante a súa participación, xunto cos ex-presidentes Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, na mesa redonda: Estado autonómico e evolución política e social, moderada pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, Feijóo garantiu deste xeito o compromiso de seguir construíndo Galicia: “Esa é a nosa responsabilidade, porque a autonomía galega hai que facela todos os días”, sentenciou.
Nesta liña, recordou que o funcionamento dos servizos públicos acredita a utilidade do autogoberno, como se pon de manifesto no feito de que nestes 40 anos, Galicia pasou de ser a terceira comunidade máis pobre de España a ser unha autonomía exportadora; de contar con 86 quilómetros de autoestradas a 1.400Km; de ter 14 hospitais a 28; e de contar cun sector turístico que representa case o 12 % do PIB galego.
O titular da Xunta aproveitou o foro para facer fincapé na necesidade de que Galicia xestione competencias como a xestión do litoral, pero tamén de que se leve a cabo, “simultaneamente” unha actualización da lexislación básica do Estado. “Máis competencias si, pero unha actualización da lexislación básica do Estado tamén”, abundou, insistindo na importancia de contar con elementos de cogobernanza que obriguen ao Goberno central de cada momento.
Logo de referirse ao problema demográfico e a aposta por unha economía competitiva como dous dos grandes retos de futuro, Feijóo concluíu trasladando novamente a necesidade de que o sistema de financiamento autonómico deixe de premiar a quen incumpre, e que teña en conta factores como o avellentamento e a dispersión.
Ao respecto, reiterou que a reunión que terá lugar o 2 de novembro en Santiago, será unha reunión de presidentes autonómicos -“non de secretarios xerais dos partidos”- que representan case ao 60% do territorio español en extensión e ao 22%-23% da poboación, e que se reúnen para abordar distintas inquedanzas comúns.