Mellora xenética da raza Porco Celta

O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega da Desenvolvemento Rural mantiveron un encontro con representantes de ASPROCEL.

A Consellería do Medio Rural, a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), está a traballar actualmente coa Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta – Asoporcel nun proxecto de mellora xenética desta raza autóctona para así incrementar a súa poboación. Así o abordaron nunha xuntanza o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e membros desta Asociación. Por parte de Asoporcel participaron Iván Rodríguez, director técnico, e Mª Cruz Castro, técnica veterinaria da asociación.

Así, este proxecto -que conta cunha axuda da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal- está actualmente en fase de desenvolvemento. Neste senso, tras actualizar a base de datos das explotacións existentes e dos animais rexistrados, estase a deseñar un plan estratéxico que posibilite o crecemento das explotacións existentes e a incorporación doutras novas. Para iso, redactouse unha enquisa para identificar os parámetros de maior interese por parte dos gandeiros que participarán neste estudo -máis dunha decena de explotacións seleccionadas- co fin de coñecer os caracteres a ter en conta na mellora xenética desta raza.

En paralelo, a Consellería -tamén en coordinación con Asoporcel- está elaborando un estudo de custos de produción do sector do porco celta en extensivo. O obxectivo é identificar, analizar e cuantificar os custos das inversións realizadas por estes gandeiros, así como os traballos e procesos necesarios para unha correcta explotación de cría de Porco Celta. As conclusións permitirán establecer rangos, de tamaño de explotación e prezos de venda, que rendibilicen esta actividade produtiva ao coñecer de primeira man cales serán os gastos e poder determinar así unha marxe de beneficio para os produtores.

Por último, na xuntanza o conselleiro trasladoulle aos asistentes a posibilidade de poñer en marcha un convenio para implantar esta gandaría en extensivo en aldeas modelo e polígonos agroforestais. Desta forma, os produtores destas gandarías terían a posibilidade de converterse nos adxudicatarios destas figuras e, ademais, formar parte da propia Asociación. Así, ademais de promover unha actividade gandeira en extensivo e o asentamento de poboación no rural, tamén se reforza a prevención de incendios forestais ao redor de núcleos habitados.