Marca Pino de Galicia
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na Cidade da Cultura na presentación da Marca Pino de Galicia, da cal destacou que contribuirá a xerar valor a través da innovación e a preservar os piñeiros galegos como fonte de riqueza ambiental, social e económica para o medio rural.
Este distintivo, presentado no I Encontro Intersectorial do Piñeiro de Galicia que organiza a Fundación Arume en colaboración coa Xunta de Galicia, vén de certificar o cumprimento dun triplo compromiso no sector forestal, tanto coa orixe e trazabilidade da madeira, como coa sustentabilidade do monte –apoiada nos selos de certificación FSC e PEFC– e coa calidade, poñendo en valor o traballo de silvicultores e industrias.
“É un paso moi importante para seguir traballando nunha marca que nos diferencie e que, polo tanto, poidamos realmente posicionarnos nun sector que está chamado a ser o líder do proceso de transformación desde o punto de vista da sustentabilidade, a economía circular e da industria forestal”, indicou.
Neste contexto, o vicepresidente económico puxo de manifesto a aposta de Galicia pola madeira, incentivando a promoción de produtos locais como o piñeiro; a súa utilización na construción; a fabricación de embalaxes; a dixitalización dos procesos; a ecoinnovación; o uso da biomasa para revalorizar os residuos; o apoio ao sector do contract; ou a formación.
Un conxunto de actuacións aos que a Administración autonómica dará continuidade nos orzamentos de 2022 a través dun investimento de 15M€ para o impulso de toda a cadea de valor da industria forestal. Un impulso no que é necesaria a colaboración do Goberno a través dun reparto xusto dos fondos europeos Next Generation.
Neste sentido, Conde fixo referencia ao programa Tech Madeira (38M€) presentado a estes fondos co ánimo de fomentar o uso da madeira, así como o proxecto para a construción dunha planta de fibras téxtiles de orixe forestal, cun investimento asociado de máis de 800 millóns de euros. Un proxecto enmarcado no Polo para a Transformación de Galicia que permitirá promover unha xestión activa e sostible dos bosques locais, pechando así o ciclo da industria forestal.
INTERESE FORESTAL
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou a ampla demanda que existe en Galicia de terras para uso forestal, e que foi posta en valor a través da Manifestación de Interese que a Xunta trasladou ao sector. Neste sentido, subliñou que houbo unha importante superficie solicitada para este uso, concretamente 1.435 hectáreas xeolocalizadas.
Nesta mesma liña, González avanzou tamén que antes de que remate o ano estarán dispoñibles xa os modelos de estatutos para poder impulsar a implantación da figura das agrupacións forestais de xestión conxunta, contemplada na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Esta ferramenta, salientou o conselleiro, traerá consigo melloras fiscais para impulsar esa xestión conxunta.
En parecidos termos, José González reivindicou o papel da silvicultura e a xestión forestal como un mecanismo fundamental para acadar un territorio resiliente fronte os incendios. Así, avogou por impulsar un monte ordenado e con biomasa controlada que, “ademais de ser fonte de riqueza, non arde ou ten menos probabilidade de arder e permite loitar contra o principal inimigo do rural, que é o abandono”, remarcou.
A maiores, o conselleiro do Medio Rural trasladou a importancia para o sector de instrumentos como o Inventario Forestal Continuo de Galicia ou dos plans estratéxicos do castiñeiro e o do piñeiro, que –no caso destes últimos– consolidan unha clara aposta pública pola diversificación do monte galego, sinalou.
Fixo referencia, tamén, ao anteproxecto de lei de prevención e extinción de incendios, no que se está a traballar tendo como clave da defensa fronte o lume a xestión do territorio, e á separación da estrutura administrativa forestal nas direccións xerais de Defensa do Monte e Planificación e Ordenación Forestal, levada a cabo recentemente pola Xunta.