Galicia tivo un saldo migratorio positivo en 2020 que superou as 12.000 persoas
A poboación residente en Galicia a 1 de xaneiro de 2021 situouse en 2.696.876 habitantes, cun saldo migratorio positivo de 12.001 persoas, segundo recolle a estatística ‘Cifras de Poboación' que acaba de publicar de xeito definitivo o IGE.
Deste xeito, segundo publica o IGE a través da ‘Estatística de Migracións' do ano 2020, continúa producíndose, a pesar da pandemia, un aumento de persoas que chegan a Galicia. Incrementáronse os españois residentes en Galicia nados no estranxeiro, nun 4,6% e os nados en España pero con nacionalidade estranxeira, nun 7,2%.
A ‘Estatística de Migracións' do ano 2020 revela que Galicia rexistrou así un saldo migratorio positivo de 12.001 persoas, que aínda que é menor que en 2019, cando o saldo chegou a 17.809, segue a evidenciar que Galicia é a sexta comunidade autónoma de España con maior pulo de atracción. En relación ao movemento entre comunidades autónomas, o posto de Galicia sube ata o quinto en atracción de poboación. Destas 12.001 persoas chegadas a Galicia, 4.637 son españolas e 7.364 teñen nacionalidade estranxeira.
Segundo a orixe destes movementos, os datos de 2020 con respecto aos do ano anterior confirman a tendencia dos últimos anos de incremento das entradas procedentes do estranxeiro e diminúen as saídas; con respecto aos movementos co resto de España de residentes en Galicia, aumentan de xeito importante as entradas procedentes doutras comunidades autónomas, cun un total de 14.494.
Deste xeito, o saldo en poboación dende o resto de España é positivo, en 4.482 persoas máis das que saíron, mentres as entradas de estranxeiros en Galicia ascendeu a 14.504.
Deste xeito, estas cifras van en coherencia cos importantes datos de retorno dos últimos anos, e que deste xeito, supoñen manter cifras de retorno de cidadáns de orixe galego como das súas parellas ou fillos sen nacionalidade que tamén forman parte das estatísticas do saldo migratorio positivo, aínda que se computen como inmigrantes.