Galicia pide unha estratexia común para defender os intereses da frota que faena no Gran Sol ante o acordo do brexit
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios que serve de preparación para o próximo Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea. Neste encontro Galicia demandou unha estratexia común para defender os intereses da frota que faena no Gran Sol nas futuras negociacións de posibilidades de pesca tanto no seo da UE como co Reino Unido.
Neste sentido, hai que lembrar que para os tres primeiros meses deste ano nas poboacións de peixes compartidas co Reino Unido, como as das augas do Gran Sol, se estableceron unhas cotas estables e proporcionais ás fixadas para 2020 e as cotas para despois dese período deben determinarse neste primeiro trimestre previa negociación das partes.
De cara a estas negociacións e outras futuras das posibilidades de captura, Galicia solicitou unha vez máis ao Goberno central ter presenza directa na representación de España, tanto no seo da UE como co Reino Unido, co obxectivo de que os intereses galegos sexan escoitados. Esta mesma demanda foi trasladada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha misiva remitida a finais de decembro ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, e na reunión que mantivo hai uns días co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
Nesta liña, Rosa Quintana insistiu no importante peso que ten a comunidade autónoma galega no conxunto da actividade marítimo-pesqueira estatal. Un valor que se reflicte no feito de que Galicia posúe máis do 70% das cotas españolas en augas británicas e ademais ostenta a representación das comunidades autónomas españolas en materia pesqueira no Consello de Ministros de Pesca da UE.
Ademais a conselleira volveu trasladar a preocupación de Galicia sobre as consecuencias do acordo do brexit para o sector marítimo-pesqueiro trala cesión ao Reino Unido do 25% das posibilidades de pesca europeas por parte do Executivo comunitario a cambio do acceso ás augas británicas durante só cinco anos e medio. Ao impacto directo na frota galega súmanse outros aspectos como que os buques británicos non se verán sometidos á Política Pesqueira Común nin a normativas como a obriga de desembarque.
Neste sentido, a representante do Executivo galego lembrou que, unha vez estean dispoñibles os informes que a Xunta encargou tanto sobre o impacto do brexit na actividade extractiva e a comercialización dos produtos pesqueiros como sobre as implicacións xurídicas para a pesca galega, os trasladará ao Goberno central co obxectivo de seguir defendendo os intereses do sector pesqueiro galego.
Outro dos asuntos abordados no Consello Consultivo foi o programa de traballo da Presidencia portuguesa no Consello da Unión Europea. En relación a esta folla de ruta, Galicia bota en falta máis protagonismo para os aspectos sociais e económicos do sector marítimo-pesqueiro tendo en conta o impacto da pandemia da covid-19 e do acordo do brexit. Galicia considera que é fundamental ter en conta estes aspectos pois inflúen no desenvolvemento socioeconómico da actividade. Nesta liña, a comunidade galega ve clave para o futuro do sector a consecución da remuda xeracional, de aí a importancia de que a Unión Europea ofreza apoios e alternativas para conseguir ese obxectivo.